- Os rapaces divertíronse no parque infantil, fixeron deporte na área de calistenia e xogaron cos patos da lagoa
- O Concello abre un prazo extraordinario de matrícula para a segunda quincena de xullo e as dúas quendas de agosto

Valga, 14 de xullo de 2026.
A primeira quenda das actividades de conciliación estivais, na que participaron 72 nenos e mozos a partir dos 3 anos de idade, rematou hoxe e fíxoo cunha saída didáctica e lúdica a un dos espazos de recreo de referencia de Valga: a Mina Mercedes.
A mañá fresca prestouse para realizar unha camiñada dende o recinto do colexio Baño-Xanza, que exerce como base operativa das actividades, ata a lagoa, na que os rapaces puideron realizar diversas actividades de lecer. Divertíronse no parque infantil, fixeron deporte nas instalacións de calistenia e biosaudables, percorreron os sendeiros que bordean a antiga mina de extracción de arxila e xogaron cos patos e gansos que habitan neste espazo.
Despois, regresaron de novo a pé ata o colexio. A algúns deles toucoulles despedirse dos amigos e compañeiros, pero outros repetirán de novo na segunda quenda do campamento, que dá comezo mañá cun total de 90 inscritos.
Aínda é posible ocupar algunhas das prazas libres que quedan nas actividades. Dende hoxe e ata o xoves ás 14:00 horas ábrese un prazo extraordinario de matrícula para a segunda quincena de xullo e tamén para as dúas quendas do mes de agosto. As familias que queiran inscribir aos seus fillos poden facelo nas oficinas do Concello ou a través da Sede Electrónica.
Este Programa Municipal está dirixido a nenos e mozos de 3 a 16 anos de idade e está encamiñado a facilitar a conciliación no período estival a través dunha proposta educativa, fomentando valores como a igualdade, tolerancia e respecto, pero sen esquecerse da parte lúdica e de ocio, e que axudará aos menores á solicialización e ao seu desenvolvemento persoal.

ES
EN