- A actividade é organizada pola Asociación Artesanal A Bella Otero, coa colaboración do Concello
- A mostra, que é aberta ao público e conta tamén con stands de venda, estará aberta ata as 19:30 horas
Valga, 4 de setembro de 2026.
O pavillón municipal de Baño será, o vindeiro 12 de setembro, punto de encontro da artesanía tradicional coa celebración da Xuntanza de Bolillos e Labores. O evento, organizado pola Asociación de Palilleiras A Bella Otero, celebra este ano o seu décimo aniversario cunha cifra récord de asistencia.
Segundo os cálculos da presidenta da asociación, Lourdes Conde, a participación prevé situarse entre as 425 e as 450 persoas. O encontro reunirá a afeccionados e artesáns chegados dende diversos puntos de toda Galicia e mesmo doutras comunidades autónomas, avanza.
A xornada abrirase coa recepción das palilleiras participantes, ás que se lles ofrecerá un almorzo. Ao longo da mañá está prevista tamén a visita das autoridades locais para dar a benvida oficial aos asistentes e participar no acto de entrega de agasallos ás representantes das distintas agrupacións.
Durante todo o día, os asistentes e visitantes poderán percorrer os diversos stands comerciais instalados no propio pavillón, dedicados á venda de materiais para labores, artesanía e bixutería. Así mesmo, o público que se achegue ao recinto poderá contemplar unha exposición con traballos realizados polas integrantes da Asociación A Bella Otero. O horario de apertura será de 10: a 14:00 e de 16:00 a 19:30 horas.
Durante a xornada celebrarase un sorteo de agasallos doados por entidades e casas comerciais de Valga e da bisbarra.

ES
EN