- A andaina celebrase o sábado 29, pasará por lugares coma Vilarello ou as telleiras e percorrerá a Ruta dos Lacóns
- Os participantes poden anotarse no Concello, no Auditorio ou a través do correo electrónico

Valga, 3 de setembro de 2026.
O Concello de Valga ten aberto ata o día 22 de setembro o prazo de inscrición na ruta de sendeirismo “O Ulla, entre patrimonio e tradición”, que terá lugar o vindeiro 26 de setembro dentro do programa “Goza do Ulla”, co que se quere poñer en valor e promocionar o patrimonio natural e cultural dos territorios bañados polas augas deste río, dende o seu nacemento en Antas de Ulla ata a desembocadura en Vilagarcía de Arousa.
A inscrición pode realizarse no Concello (986 55 94 56), no Auditorio Municipal (986 55 67 69) ou a través do correo electrónico
“O Ulla, entre patrimonio e tradición” é unha andaina circular de 18 quilómetros de lonxitude e de dificultade baixa, con saída e chegada na Mina Mercedes. Discorre, principalmente, por zonas poboadas das parroquias de Campaña e Cordeiro, visitando lugares moi vencellados ao río Ulla, coma os embarcadoiros de Santa Cristina e Vilarello, os vestixios da antiga liña de vagonetas aéreas, ou as vellas telleiras de Vilar.
Tamén se percorrerá a Ruta dos Lacóns, entre a capela de San Paio de Vilar e a igrexa parroquial de Santa Comba de Cordeiro, seguindo o percorrido que cada 2 de febreiro, no Día da Candeloria, realiza a Procesión dos Lacóns, unha das tradicións relixiosas máis antigas de Valga.
“Goza do Ulla”, que este ano cumpre a súa décimo quinta edición, é un programa de turismo activo e de natureza co que os concellos bañados polas augas deste río promocionan o patrimonio natural e cultural existente ao longo dos seus 130 quilómetros. Busca conectar territorio, identidade local e desenvolvemento sostible mediante actividades, rutas, eventos e colaboración entre entidades. O seu potencial está en converter o Ulla nun eixo de atracción turística de referencia en Galicia, xerando oportunidades para o comercio local, o turismo activo e a valorización do patrimonio.

ES
EN