- A obra forma parte do proxecto de mellora das instalacións deportivas municipais, que suma un investimento de 1’4 millóns
- Neste recinto tamén se están a acondicionar as bancadas, con traballos de illamento e pintado

Valga, 5 de setembro de 2026.
Nas instalacións deportivas de Campaña deron comezo esta semana os traballos de renovación integral do céspede artificial dun dos campos de fútbol, o máis antigo, cuxa superficie se atopaba xa deteriorada dificultando a práctica deportiva. As obras comprenden a retirada da vella superficie e a posterior colocación dunha nova moqueta sintética de última xeración, deseñada para ofrecer a máxima durabilidade.
A primeira fase dos traballos, que se atopa en execución consiste nun proceso especializado de desinstalación, separación e reciclaxe do céspede artificial desgastado. Emprégase maquinaria automatizada que extrae o manto sintético, separa o recheo (area de sílice e caucho) e enrola o céspede xa limpo para facilitar a súa posterior reutilización.
Unha vez retirado o terreo antigo, procederase á instalación do novo céspede artificial, que segue os estándares FIFA Quality Pro, está indicado para un uso intensivo e garante un rendemento de alta duración. Prescindirase completamente do caucho, adiantándose así o Concello á prohibición do uso deste material, que entrará en vigor en 2031 co obxectivo de reducir a contaminación por microplásticos. No seu lugar emprégase un recheo ecolóxico a base de carozos de millo que presenta, como principais vantaxes, a sustentabilidade, a redución da calor acumulada no campo e a proporción de amortiguación.
Outras características do novo céspede é que incorpora protección contra os raios UVA e xa ten integrada a marcaxe, de xeito que as liñas do terreo de xogo están tinguidas na propia fibra. Tamén conta con homologación do CSIC que garante a reciclaxe dos seus compoñentes ao final da súa vida útil.
Ademais do cambio de céspede, nas instalacións deportivas de Campaña tamén se desenvolven traballos nas bancadas, que inclúen melloras no illamento e impermeabilización das galerías e balcóns, a posta a punto de todos os elementos metálicos e paramentos con tratamento anticorrosivo e o pintado.
Estas actuacións enmárcanse nun proxecto de mellora das instalacións deportivas municipais que tamén contempla obras no campo de fútbol de Baño e no pavillón municipal de Beiro. O investimento total supera os 1’4 millóns de euros, co obxectivo de continuar modernizando as infraestruturas públicas para a práctica deportiva.

ES
EN