- Dezaseis rapaces están a participar nesta actividade formativa e creativa, na que deseñaron os seus propios robots
- As sesión,s con diferentes contidos tecnolóxicos, continúan mañá e o venres

Valga, 15 de xullo de 2026.
Aula CeMIT de Valga converteuse esta semana nun auténtico laboratorio espacial. Un total de 16 rapaces, divididos en dous grupos, están a participar no obradoiro “Misión espacial: Mars Quest”, unha iniciativa tecnolóxica que mestura aprendizaxe e creatividade.
A aventura comezou cunha inesperada "alerta" espacial. O Concello recibiu unha mensaxe de emerxencia da NASA: un dos seus robots exploradores de Marte quedou atrapado no medio dunha tormenta de area e deixou de funcionar. Ante este contratempo, a axencia aeroespacial non dubidou en confiar no talento dos rapaces valgueses para unha misión crucial: deseñar e programar un novo Rover de rescate.
Para acadar o obxectivo, a Aula CeMIT transformouse nun centro de operacións espaciais onde aprenderon o funcionamento institucións como a NASA e descubriron que son e como operan os rovers, os vehículos de exploración planetaria.
A primeira sesión do obradoiro estivo centrada na robótica e na iniciación á programación. Após de comprender os conceptos básicos de que é un robot, os participantes puxeron en práctica o aprendido cun divertido xogo: programar aos seus propios compañeiros coma se fosen máquinas, dándolles instrucións e ordes para guialos a través dun circuíto.
Despois, aprenderon a construír e configurar os seus robots facendo unha analoxía co corpo humano: o cerebro é a placa controladora; o corazón, a batería que dá enerxía ao sistema; e os músculos, os moteres que permiten o movemento.
Unha vez ensamblados os autómatas, utilizaron a plataforma Makecode para programar o seu comportamento. Por último, cada equipo decorou o seu robot e botaron unha divertida carreira.
Pero a misión non remata aquí. O obradoiro continúa mañá e o venres co foco posto nas tecnoloxías do futuro. Os participantes adentraranse no mundo da impresión 3D e explorarán novas dimensións grazas á realidade aumentada e á realidade virtual.

ES
EN