Accessibility Tools

Todas

QUINCE MIGRANTES DO CENTRO DE ACOLLIDA DE VALGA AVANZAN NA SÚA INTEGRACIÓN SOCIAL E LABORAL A TRAVÉS DUN CURSO DE FABRICACIÓN MECÁNICA

- A actividade formativa impártese no IES de Valga en horario de tarde e inclúe prácticas en empresas da zona

- O alcalde e a concelleira Carmen Gómez achegáronse ao instituto para comprobar como está a ser a experiencia

CursoMigrantes1

Valga,  18 de abril de 2026.

Un grupo de quince migrantes do centro de acollida de Valga están a participar nun curso AFD de Formación para o Emprego que se imparte no IES de Valga e que lles está a permitir avanzar na súa inserción social e na súa cualificación laboral. Trátase dun curso de Operacións Auxiliares de Fabricación Mecánica, que se desenvolver de luns a venres polas tardes baixo as directrices do mestre Pablo Bello.

Esta semana o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Formación e Emprego, Carmen Gómez, achegáronse para comprobar de primeira man como está a ser esta experiencia formativa para os migrantes procedentes de Mali, Senegal, Camerún e Guinea. “Están supermotivados e moi contentos, con gañas de aprender un oficio e traballar”, explica o profesor, que engade que algúns xa falan un castelán bastante fluído e iso facilita a comunicación co resto do grupo. “Son moi traballadores, non falla nin un ningún día”, insiste Pablo Bello.

Bello Maneiro conversou con algúns deles e desexoulles que a súa estadía en Valga lles resulte o máis proveitosa tanto a nivel social coma a nivel profesional e lembroulles que teñen abertas as portas do Concello para axudarlles na realización de trámites e orientalos a nivel formativo e laboral. De feito, moitos deles chegaron a este curso a través do departamento municipal de Orientación.

Certificado de profesionalidade

O curso, de máis de 400 horas, permitiralles obter o certificado de profesionalidade en Operacións Auxiliares de Fabricación Mecánica e ten como obxectivo capacitar aos alumnos para a realización de operacións básicas de fabricación, montaxe e verificación de produtos mecánicos.

Entre os módulos que se imparten destacan “Máquinas, ferramentas e materiais de procesos básicos de fabricación”, “Operacións básicas e procesos automáticos de fabricación mecánica”, “Montaxe de conxuntos e estruturas fixas ou desmontables” e “Operacións de verificación e control de produtos mecánicos”. Deste xeito, os participantes adquiren coñecementos sobre o uso de maquinaria, a preparación de materiais, o ensamblaxe de pezas e o control de calidade en procesos industriais.

Ademais, o certificado inclúe un módulo de prácticas laborais profesionais que se desenvolverá en empresas da contorna, permitíndolles aplicar os coñecementos adquiridos nun contexto real de traballo e facilitando a súa aproximación ao sector industrial.

CursoMigrantes3 CursoMigrantes4