Accessibility Tools

Todas

COBRA FORMA A NOVA ÁREA DE CALISTENIA NO PARQUE IRMÁNS DIOS MOSQUERA

- Conta con dez elementos especializados para o adestramento de forza, axilidade ou flexibilidade

- O proxecto foi promovido polo Concello e subvencionado con fondos europeos a través do GDR Salnés Ulla-Umia

CalisteniaPIDM1

Valga, 17 de abril de 2026.

O Parque Irmáns Dios Mosquera, un dos principais espazos recreativos do concello, amplía os seus equipamentos coa execución dunha nova zona de calistenia ao aire libre que contará con ata dez estruturas para o adestramento da forza, axilidade ou flexibilidade.

Trátase dun circuíto composto por unha esqueira de estiramentos, outra esqueira horizontal, barras paralelas, aneis de elevación, barra de elevación, banco suspendido, táboa de abdominais, prancha de fortalecemento de lumbares, espaldeira e barra de flexións.

O Concello quere, deste xeito, seguir ampliando os servizos do Parque Dios Mosquera, en Ponte Valga,  ampliando a oferta de actividades deportivas, recreativas e culturais a desenvolver neste espazo que xa conta con parque infantil, circuíto biosaudable, praia fluvial, zona de merendoiro, pista deportiva, e sendas ciclables e peonís.

Xa existía, ademais, con outra pequena zona de calistenia, que resultaba moi limitada dada a cantidade de usuarios cos que conta o parque. De aí que se apostara por esta nova instalación para complementala. As obras, que executa a empresa Bricantel España S.L., foron supervisadas esta semana pola concelleira Carmen Gómez, que comprobou o avance das mesmas.

A actuación financiouse, en parte, con fondos europeos do programa Leader, a través dunha subvención do Grupo de Desenvolvemento Rural Salnés Ulla-Umia. O orzamento total ascende a 14.498 euros.

CalisteniaPIDM2 CalisteniaPIDM3