- A actividade, que trata de facilitar a inserción a persoas estranxeiras, deu comezo en setembro e continuará ata finais de outubro
- Entre os contidos destacan a comunicación oral, con expresións e diálogos para uso cotiá, e unha aproximación á cultura e tradicións de Galicia

Valga, 1 de outubro de 2026.
O curso de introdución á lingua e á cultura galegas, promovido polo Servizo Municipal de Normalización Lingüística en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta, estase a impartir dende comezos de setembro no Auditorio Municipal cun total de vinte persoas inscritas, que recibirán 20 horas de formación ata finais de outubro.
O grupo conta cun perfil moi internacional, con alumnos orixinarios de países e rexións coma Brasil, Arxentina, Uruguay, Canarias, Holanda, Suíza, Alemaña e Estados Unidos. A maioría residen en Valga, pero algúns tamén en concellos veciños coma Catoira e Pontecesures. Ademais, entre o alumnado figura unha persoa galega castelán-falante que busca afondar no coñecemento da nosa lingua propia.
O obxectivo principal do curso é facilitar a inserción sociocultural, axudando aos participantes a integrarse na comunidade e a perder o medo a falar en galego. Ao non requirirse coñecementos previos, os contidos adáptanse ás necesidades do grupo abordando nocións básicas de fonética e regras de pronunciación; vocabulario esencial, con palabras e expresións de uso cotiá; comprensión oral e escrita; comunicación práctica, aprendendo a construír frases sinxelas para situacións comúns da vida diaria; e práctica de diálogos básicos. Ademais, ao remate de cada unidade didáctica realízase unha aproximación a diferentes aspectos da historia, cultura e tradicións galegas.
As sesións son impartidas pola técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello, Tamara Cerneira, utilizando o material didáctico achegado pola Secretaría Xeral da Lingua. A formación rematará cunha proba de avaliación e, os alumnos que a superen, recibirán un diploma oficial expedido pola Xunta de Galicia. Ademais, para animalos a que continúen coñecendo a lingua galega, a Secretaría Xeral da Lingua tamén lles proporciona o material de estudo para obter o certificado Celga 1.


ES
EN