- Ademais de habilitar un espazo para peóns de dous metros de ancho, tamén se ampliará a calzada para vehículos
- O alcalde e o xefe provincial de Infraestruturas da Xunta supervisaron o inicio dos traballos

Valga, 30 de setembro de 2026.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e o xefe provincial da Axencia Galega de Infraestruturas, Manuel González Juanatey, realizaron esta mañá unha visita ás obras de construción dunha senda peonil na contorna da igrexa de Cordeiro. Estiveron acompañados pola tenente de alcalde, Carmen Gómez, a directora de obra e representantes da empresa adxudicataria, a coruñesa Citanias que dende comezos desta semana está a traballar na zona.
Esta actuación, cun investimento de 176.000 euros, permitirá mellorar a seguridade viaria e facilitar os desprazamentos a pé da veciñanza. A intervención consistirá na ampliación da vía de servizo situada na marxe dereita da estrada autonómica PO-548, incrementando o ancho da calzada ata os 6 metros. Deste xeito, permitirase o cruzamento seguro de vehículos.
Ademais, habilitarase un itinerario peonil accesible coa construción dunha senda de formigón coloreado de 2,02 metros de ancho que reforzará a seguridade na conexión coa Igrexa parroquial. Manterase o acceso ás parcelas privadas existentes mediante un pequeno camiño de servizo situado xunto á senda.
O proxecto tamén contempla varias actuacións complementarias, entre elas o retranqueo ou soterramento dalgúns postes de servizos, a execución de pequenos muros de contención de pedra para estabilizar os noiros e a mellora do sistema de drenaxe da vía de servizo mediante a instalación de novos colectores e a reposición de sumidoiros.
A actuación desenvolverase nun treito de aproximadamente 120 metros de lonxitude.

ES
EN