- A firma, que conta máis de 700 traballadores e exporta a 60 países, prevé estrear en 2027 unha nova planta de extrusión
- Bello Maneiro: “Sentímonos orgullosos e queremos que Extrugasa siga medrando en Valga, para que poidamos chegar ao pleno emprego”

Valga, 2 de outubro de 2026.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou hoxe as instalacións da empresa Extrugasa, para coñecer de primeira man a actividade produtiva e os proxectos de futuro dunha das firmas máis relevantes do sector do aluminio en Galicia.
Durante o percorrido polas instalacións, o conselleiro destacou que se trata dun “referente na transformación do aluminio, que quere seguir medrando, realizando investimentos e xerando postos de traballo. Nós, como administración pública, temos que brindarlle colaboración tanto para conseguir esa man de obra como para resolver outras problemáticas que lle poidan afectar”.
Neste sentido, José González fixo fincapé na aposta da Xunta de Galicia por potenciar unha formación áxil e conectada co tecido produtivo para facer fronte ao reto da cobertura de vacantes nas empresas. Así mesmo, referiuse ao plan aprobado esta mesma semana no Consello da Xunta para a xestión das incapacidades temporais por continxencias comúns e para impulsar o retorno saudable ao traballo.
Na visita, o conselleiro estivo acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e polo alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, que se referiu a Extrugasa como “unha empresa da que nos sentimos moi orgullosos. Son case 800 postos de traballo, polo que como alcalde teño que aplaudirlle, poñerme ao seu lado e intentar colaborar en todo o posible para que siga medrando e o faga en Valga, co obxectivo de que o noso municipio poida chegar ao pleno emprego”.
A representación de Extrugasa estivo encabezada polos irmáns Francisco, Javier e Monecha Quintá (CEO, director comercial e directora de Tesourería, respectivamente), ademais de Raquel García Quintá (directora de Marketing), Román Castro (responsable de Mantemento), José Manuel Pardal (director de Finanzas) e Manuel Miguéns (director de Produción), entre outros.
Sesenta anos de traxectoria
Extrugasa é unha empresa familiar con máis de 60 anos de traxectoria e que, en Valga, dá emprego a máis de 700 persoas. As súas instalacións ocupan uns 180.000 m², nos produce preto de 40.000 toneladas de perfil de aluminio ao ano destinadas a máis de 60 países. A planta conta con seis prensas de extrusión, liñas de anodizado e lacado, así como seccións de corte e mecanizado de precisión para sectores diversos como o da automoción ou o ferroviario.
A firma destaca tamén polo seu compromiso coa economía circular e a descarbonización. Dende o ano 2024 dispón dunha fundición propia para reciclar aluminio e fabricar tochos (a súa materia prima). Deste xeito, pecha o ciclo produtivo obtendo un produto 100% reciclado. Ademais, dispón dunha planta fotovoltaica de 30.000 m² que evita a emisión de máis de 900 toneladas de dióxido de carbono ao ano.
Investimentos que suman máis de 100 millóns de euros
Durante a visita, tamén se detallou o plan de investimentos da compañía, que nos últimos sete anos mobilizou case 85 millóns de euros. Entre os anos 2026 e 2027, Extrugasa prevé sumarlle a esa cifra outros 24 millóns de euros en novos proxectos.
Antes de rematar o ano está previsto que entre en funcionamento a nova subestación eléctrica na que se investiron arredor de 5 millóns de euros, clave para cubrir a demanda enerxética que require o seu crecemento da empresa. E para o vindeiro 2027, Extrugasa porá en marcha unha nova planta de extrusión cunha prensa de 7.000 toneladas e na que está a investir uns 20 millóns de euros. Estas instalacións permitiranlle avanzar cara a fabricación de novos produtos e suporán a creación de arredor de 50 novos postos de traballo.

ES
EN