Accessibility Tools

Todas

O CRA CELEBROU O FESTIVALGA, UNHA GRAN FESTA DA MÚSICA EN GALEGO NO AUDITORIO

- O alumnado das distintas escolas interpretou en directo temas de Heredeiros da Crus, Ortiga e éxitos do Xabarín Club

- O Centro Rural Agrupado sumouse deste xeito ás celebracións do Día das Letras Galegas

Festivalga1

Valga,  15 de abril de 2026.

A música de Galicia e en galego soou como nunca no Auditorio Municipal da man do Festivalga, unha gran celebración organizada polo CRA e coa que as escolas rurais de Valga se sumaron ás celebracións do Día das Letras Galegas.

Foron cantidade as candidaturas musicais que se presentaron ao festival e do heteroxéneo: dende cancións tradicionais que todos cantaruxamos nalgunha ocasión, coma a Rianxeira, Xirarei de Xil Ríos, o Galo de Pili Pampín ou o Pirimpimpín; ata propostas más actuais con artistas coma Ortiga, Fillas de Casandra, Mondra ou 9Louro. E, por suposto, unha boa dose de cancións da xeneración Xabarín Club.

Algunhas delas interpretáronas en directo os alumnos das escolas de Valga, que subiron ao escenario caracterizados ao máis puro estilo galego. As nenas de Chenlo bailaron A Rianxeira; os cativos de Campaña berraron alto o “Churras, churras” de Heredeiros da Crus; e os de Ferreirós interpretaron “Quero Xamón” de Aerolíneas Federales. En Vilarello apostaron por “Mazarocas”, de Mondra e Baiuca; os rapaces do Forno dérono todo con “Estou na lavadora”, do Caimán do río Tea, e, por último, Xanza cantou “Kiwis”, de Brais das Hortas.

A concelleira Malena Isorna asistiu como representante do Concello á entrega de agasallos aos participantes, entre os que estiveron representantes doutros colectivos e entidades valguesas coma a asociación Asdivalu, o colexio Xesús Ferro Couselo ou o Centro de Día.

Festivalga2 Festivalga3