Accessibility Tools

Todas

A EXPOSICIÓN “VIDRO CON ARTE” RECOLLE TRABALLOS ARTESANAIS FEITOS POR SONIA CARBIA COA TÉCNICA TIFFANY

- Lámpadas, bolsos, bixutería, adornos, agasallos ou vidreiras son algunhas das súas creacións

- O alcalde e as concelleiras Carmen Gómez e Malena Isorna visitaron onte a mostra

VidroConArte1

Valga, 14 de maio de 2026.

Unha explosión de cores invade durante este mes o Auditorio Municipal da man da exposición “Vidro con arte” de Sonia Carbia. Son as diferentes tonalidades de cada peza de cristal e o reflexo da luz neles o que provocan esta mestura cromática que fai chama á vista.

Todas son artesanais e feitas a man coa técnica Tiffany, na que se empregan pequenos anacos de vidro de diferentes cores que despois se unen mediante soldadura para formar un mosaico. Sonia Carbia Torres, nada en Pontecesures pero con moita relación con Valga, é unha experta nesta técnica. Tanto que é a mestra do curso que dende fai anos desenvolve a asociación de Mulleres Rurais Albor. Moitas das súas alumnas acompañárona onte nunha visita á exposición na que tamén participaron o alcalde, José María Bello Maneiro, e as concelleira Carmen Gómez e Malena Isorna.

Sonia é capaz de facer con vidro case de todo: bixutería, obxectos decorativos, flores, xoieiros, bolsos, figuras, farois, agasallos para vodas ou aniversarios, marcos para fotos, espellos, decoración de Nadal, vidreiras ou lámpadas. Precisamente unha das pezas máis espectaculares da mostra é unha lámpada cun pé feito a partir dunha vella sulfatadora. En creacións coma esta, Sonia conta coa colaboración do seu home, Jorge Oliveira, que lle axuda cos acabados, bases, enganches e outros detalles.

A exposición recolle unha selección de traballos realizados dende que, en 2019, comezou a afeccionarse á técnica Tiffany, que require moita dedicación. “É moi traballosa porque cada peza hai que cortala, pulila, encintala e soldala. Pero o resultado paga a pena. Cada peza que remato namórame”, explica a artista. Unha das súas favoritas é a figura da Bella Otero. Tamén cita á Geisha, que “foi unha das que máis me custou porque ten peciñas moi pequenas”.

O alcalde destacou, tralo percorrido pola mostra, que “son pezas nas que se percibe que hai moito traballo e que están coidadas ao detalle”.

VidroConArte2 VidroConArte3