- Unha comida, xogos populares, inchables e actuacións musicais foron as actividades programadas
- O alcalde, José María Bello Maneiro, asistiu en representación do Concello e felicitou ao director e aos oíntes por esta traxectoria
Valga, 18 de maio de 2026.
O Parque Irmáns Dios Mosquera foi o punto neurálxico das celebracións do vinte e sete aniversario da radio municipal. Un total de 255 persoas reuníronse nos festexos, que incluíron un xantar popular e outras actividades lúdicas coma actuacións musicais e xogos.
En representación do Concello asistiu o alcalde, José María Bello Maneiro, que felicitou ao director da emisora, Héctor Bermúdez, e a todos os oíntes pola brillante traxectoria de Radio Valga. Lembrou que nos comezos poucos confiaban en que este proxecto saída adiante e xa van xa case tres décadas en antena, informando, animando e facendo compañía moitos veciños de Valga pero tamén doutros concellos da contorna aos que chega a sinal.
O xantar, a cargo de Lito Mambís, abriuse con empanada como aperitivo e, como pratos principais, degustáronse polbo á feira e churrasco. Non faltaron a sobremesa e o café.
Unha vez rematada a comida, sorteáronse 70 agasallos doados por empresas e casas comerciais colaboradoras tanto de Valga coma doutras localidades da bisbarra: noites de estadía en establecementos hostaleiros, vales para xantar en restaurantes da zona, un xamón... O Concello aportou unha botella conmemorativa da última edición da Mostra da Caña, que foi entregada á persoa afortunada polo propio alcalde.
Pola tarde houbo diversión a moreas con xogos populares (a ran, a chave e o aro), inchables para os máis cativos e un baile a cargo de Judith Cundíns, que foi todo un éxito.
ES
EN