- Os produtos repartiranse entre veciños e familias de Valga en situación de vulnerabilidade
- Os obradoiros e showcookings foron gratuítos, pero tiñan un carácter solidario

Valga, 2 de setembro de 2026.
A solidariedade volveu ser a gran protagonista da sexta edición do "Agosto Gastronómico", un programa que se celebra cada ano no marco da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. As diferentes propostas culinarias organizadas ao longo do mes permitiron xuntar un total de 210 quilos de alimentos non perecedoiros, que irán destinados ás familias máis vulnerables do municipio.
A segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez, foi a encargada de realizar o reconto das doazóns recibidas e quixo aproveitar a ocasión para agradecer a xenerosidade de todas as persoas participantes. Grazas ao seu respaldo, os Servizos Sociais municipais contan cunha ampla variedade de produtos de primeira necesidade, entre os que destacan pasta, legumes, azucre, fariña, arroz, leite, aceite, vinagre, sopas, galletas, cereais, zumes e todo tipo de conservas de marisco, peixe, froitas e vexetais.
A pesar de que todas as propostas do programa eran de acceso gratuíto, o evento mantivo a súa esencia benéfica ao requirir a entrega dun quilo de alimentos por persoa en cada inscrición. Nesta ocasión, a recollida concentrouse en cinco citas: os showcookings “A caña no prato” e “Universo anguía”, a demostración de coctelería “Moito máis que caña”, o concurso de receitas “Anguía Chef” e un obradoiro infantil de cociña.
"Agosto Gastronómico" consolídase, deste xeito e tras seis anos de traxectoria, non só como unha plataforma para poñer en valor a gastronomía e os produtos locais, senón tamén como un piar de apoio comunitario no concello.
ES
EN