- Os participantes deseñaron unha vivenda domótica empregando sensores, fototransistores e outros aparellos eléctricos
- A actividade foi promovida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica e o Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia

Valga, 2 de setembro de 2026.
A Aula CeMIT converteuse durante o mes agosto no escenario do programa Girl Steam, unha iniciativa pensada para achegar o ámbito da ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría, a arte e as matemáticas á rapazada de entre 8 e 14 anos, promovendo a súa participación activa e creativa no mundo dixital e traballando para rachar a fenda de xénero neste ámbito
O programa, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática, desenvolveu en Valga dous obradoiros formativos a cargo dos mestres André Adrio Rodríguez e Alba Bueses Suárez, que explicaron aos participantes as diferentes aplicacións prácticas e creativas da tecnoloxía.
A formación xirou sobre o deseño dunha casa domótica utilizando a plataforma Arduino, un pequeno ordenador que posúe diversas utilidades, tanto para obradoiros educativos infantís como para desenvolver material máis complexo orientado a persoas adultas. Durante as sesións, conectaron e interactuaron con diversos sensores, fototransistores e aparellos eléctricos preparándose para que, no día de mañá, sexan capaces de xestionar estes sistemas nos seus propios fogares.
“A idea principal é avanzar cara unhas vivendas máis tecnolóxicas para mellorar a súa practicidade e a eficiencia enerxética e promover unha arquitectura máis sostible, accesible para todas as persoas e inclusiva”, subliñou un dos mestres do obradoiro, André Adrio.

ES
EN