- O rexedor agasallouna cunha placa conmemorativa, un ramo de flores e unha torta
- É a terceira muller de máis idade de Valga, despois de Benilde Castaño, que ten 102 anos, e Josefa Senín, tamén con 100
Valga, 20 de maio de 2026.
Manuela Coira Cordo, veciña da Canle (Cordeiro), celebra hoxe o seu centenario e recibiu a felicitación, este mediodía, do alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez, que a visitaron no seu domicilio e agasallárona cunha placa conmemorativa que ten gravada a lenda: “O Concello de Valga a Manuela Coira Cordo no día que cumpre os 100 anos”. Tamén a obsequiaron cun ramo de rosas e unha torta na que apagou as candeas.
Manuela naceu na aldea de Cotriños e alí casou tamén. Pero pouco despois a familia trasladouse á Canle. Tivo dous fillos, José María e Manuel, e a familia complétase con catro netos e outros catro bisnetos. Eles e outros moitos achegados reuníronse hoxe para celebrar esta data tan especial brindando coa nova centenaria, á que aínda lle gusta beber, de vez en cando, un viño.
É moi faladora e conserva a memoria intacta despois de toda unha vida traballando no campo e no fogar como era habitual entre as mulleres da súa xeración. Escoita a misa todos os días na televisión e, cando fai bo tempo, sae á eira e dá uns paseos axudada polo seu andador.
Manuela é nestes momentos a terceira veciña máis lonxeva de Valga despois de Benilde Castaño, de Laxes e que ten 102 anos, e Josefa Senín, de Cerneira, que cumpriu os 100 en marzo.
ES
EN