- A camiñada valguesa celebrarase en setembro e percorrerá a Ruta dos Lacóns entre Vilar e a igrexa de Cordeiro
- Serán 18 quilómetros de ruta de dificultade baixa, pasando tamén por Vilarello e as telleiras

Valga, 20 de maio de 2026.
O programa de andainas “Goza do Ulla” presentou esta mañá unha nova edición, un acto que contou coa presenza da concelleira de Turismo, Malena Isorna, que deu a coñecer os detalles da ruta que se desenvolverá en Valga o día 29 de setembro, chamada “O Ulla, entre patrimonio e tradición”.
Trátase dun percorrido circular de 18 quilómetros de lonxitude e de dificultade baixa, con saída e chegada na Mina Mercedes. Discorre, principalmente, por zonas poboadas das parroquias de Campaña e Cordeiro, visitando lugares moi vencellados ao río Ulla, coma os embarcadoiros de Santa Cristina e Vilarello, os vestixios da antiga liña de vagonetas aéreas, ou as vellas telleiras de Vilar.
Tamén se percorrerá a Ruta dos Lacóns, entre a capela de San Paio de Vilar e a igrexa parroquial de Santa Comba de Cordeiro, seguindo a ruta que cada 2 de febreiro, no Día da Candeloria, realiza a Procesión dos Lacóns, unha das tradicións relixiosas máis antigas e Valga.
“Goza do Ulla”, que este ano cumpre a súa décimo quinta edición, é un programa de turismo activo e de natureza co que os concellos bañados polas augas deste río promocionan o patrimonio natural e cultural existente ao longo dos 130 quilómetros de cauce. “Busca conectar territorio, identidade local e desenvolvemento sostible mediante actividades, rutas, eventos e colaboración entre entidades. O seu potencial está en converter o Ulla nun eixo de atracción turística de referencia en Galicia, xerando oportunidades para o comercio local, o turismo activo e a valorización do patrimonio. Ademais, favorece a cooperación intermunicipal e contribúe a fixar poboación e crear actividade económica no rural”, destacaron hoxe os representantes dos concellos participantes durante a presentación no Couto de Ximonde (Vedra).
Ademais, avanzaron cales son as aspiracións futuras para que este proxecto siga medrando: “Intentaremos que actividades como o cicloturismo, a pesca e as actividades acuáticas en xeral se poidan desenvolver e promocionar de forma conxunta, preservando a contorna a partir do seu coñecemento e desenvolvemento sostible”.

ES
EN