- Colocarase un novo pavimento de pedra e tamén mobiliario urbano e de xardinaría
- A concelleira Carmen Gómez achegouse a comprobar a situación dos traballos

Valga, 15 de outubro de 2026.
Nas últimas xornadas deron comezo as obras de mellora e humanización na contorna da Capela dos Desamparados, na Devesa (Campaña). Con esta intervención, o goberno local avanza un novo chanzo na recuperación e posta en valor do patrimonio cultural e histórico do municipio e, en concreto, deste templo con 250 anos de historia.
Os traballos contan cun presuposto de 79.751’61 euros financiados a través dun convenio de colaboración entre o Concello e Turismo de Galicia.
A intervención céntrase na mellora da seguridade e da accesibilidade neste enclave, como puido comprobar a concelleira Carmen Gómez nunha visita. Colocarase un novo pavimento de pedra arredor da capela e acondicionarase a contorna coa instalación de novo mobiliario urbano e elementos de xardinaría.
Tamén está previsto instalar as canalizacións para un futuro soterramento das liñas aéreas de servizos e, unha vez rematadas as obras, sinalizarase a zona con prioridade peonil.
Con este proxecto quérese valorizar o conxunto patrimonial formado pola capela e o cruceiro adxacente. O pequeno templo no que se honra á Nosa Señora dos Desamparados ten planta rectangular e unha soa nave cun nicho na fachada principal. Os muros son de cantería e a cuberta de tella do país.
En canto ao cruceiro, está coroado por unha cruz latina que mostra, no anverso, a Crucifixión e, no reverso, á Virxe do Socorro co neno.

ES
EN