- Máis de 1.000 composteiros domésticos e 6 centros comunitarios permiten xestionar 250 toneladas de residuos orgánicos ao ano
- Persoal técnico de Amigos da Terra realizou nas últimas semanas visitas de control a máis dun cento de domicilios

Valga, 15 de outubro de 2026.
Dende que, en 2020, Valga implantou a compostaxe como sistema de reciclaxe de residuos orgánicos téñense distribuíndo entre a poboación local 1.050 composteiros domésticos, instalado dous centros de compostaxe comunitaria na Avenida da Coruña e na rúa Doutor de Oya Salgueiro e outros catro en grandes produtores do municipio: colexio Baño-Xanza, restaurante Gran Barril, empresa Extrugasa e hotel Corona de Galicia.
O bo facer por parte da veciñanza permitiu, dende os comezos, acadar os obxectivos en canto á separación dos biorresiduos, evitando o seu depósito nos contedores da fracción resto e converténdoos en fertilizante natural para hortas e xardíns. Grazas a este esforzo colectivo, estanse a retirar do circuíto convencional do lixo unhas 250 toneladas de residuos orgánicos ao ano, transformándoos nun recurso útil para a contorna.
Para dar apoio aos veciños que contan con composteiros nos seus domicilios e asesoralos, persoal técnico da asociación Amigas da Terra, contratada polo Concello, realizou nas últimas semanas visitas individualizadas de seguimento e control.
Realizaranse un total de 106 visitas a outras tantas vivendas para comprobar o funcionamento dos composteiros e revisar o seu estado xeral e rexistrar datos coma o nivel de enchido ou a temperatura acadada. Tamén se asesorou ás persoas usuarias sobre algúns dos problemas máis habituais no proceso de compostaxe, como a escaseza de estruturante; a falta ou exceso de humidade; presenza de mosquiña ou ratos... Os técnicos animaron aos veciños a continuar empregando este sistema, facéndoos conscientes da importancia do seu papel á hora de atallar a problemática global dos residuos.
Nas súas conclusións, o persoal de Amigas da Terra destaca que tanto “a implicación da veciñanza” coma “a integración deste modelo de xestión da materia orgánica” en Valga son “sobresaíntes”.
Nesta acción finánciase cunha subvención da Consellería do Medio Ambiente, que concedeu 20.000 euros para o programa municipal de compostaxe a través dunha orde de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións dirixidas a incrementar a ecoeficiencia na xestión de residuos de competencia municipal, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

ES
EN