Accessibility Tools

Todas

AS FERVENZAS, LISTAS PARA RECIBIR AOS VISITANTES CUN ACCESO RENOVADO E UNHA ÁREA DE ESTACIONAMENTO PAVIMENTADA

- A pavimentación da estrada municipal, duns 700 metros de longo, financiouse con fondos da Deputación

- Na parte final, acondicionouse unha área para estacionamento de vehículos

 ObraAccesoFervenza1

Valga, 14 de outubro de 2026.

O Concello vén de completar as obras de acondicionamento da pista municipal de acceso á fervenza de Parafita, un dos enclaves naturais e turísticos máis visitados no municipio. A intervención contou cun investimento total de 48.379’83 euros, financiado con fondos da Deputación de Pontevedra, a través do Plan Concellos 2024.

O vial presentaba deficiencias debido ao uso, á climatoloxía e ás característica da propia contorna natural. Entre os principais problemas atopábanse o levantamento do pavimento provocado pola acción das raíces das árbores, o afundimento dos laterais en varios treitos e o deterioración da área final de estacionamento, que se atopaba sen pavimentar.

Para solucionar estas fallas e garantir a seguridade do tránsito, executáronse diversos traballos ao longo de todo o trazado, duns 700 metros de lonxitude. Realizouse unha limpeza de marxes e apertura de cunetas para mellorar a evacuación das augas da chuvia, procedeuse ao fresado do vello pavimento e á posterior reposición da capa de rodadura mediante aglomerado en quente. Na parte final da estrada, a máis próxima ás fervenzas, pavimentouse a superficie destinada ao estacionamento de vehículos.

Pulo ao turismo e á contorna natural

Con esta actuación faise máis cómodo e seguro o acceso a un dos recursos turísticos de maior sona de Valga. Situadas na ribeira do río Valga, as fervenzas reciben cada ano a milleiros de visitantes, atraídos pola fermosura da paisaxe e, especialmente en época de chuvias, polo espectáculo natural dos saltos de auga.

Coa finalización destes traballos, non só se reforza a seguridade vial para veciños e visitantes, senón que se contribúe a seguir poñendo en valor esta área de lecer e o patrimonio natural do concello.

ObraAccesoFervenza2 ObraAccesoFervenza3