Accessibility Tools

Todas

UN CARTEL DE ALEJANDRO VIDAL BRALO, VECIÑO DE CIMADEVILA, SERÁ A IMAXE DA FESTA DA ANGUÍA E MOSTRA DA CAÑA DO PAÍS

- A súa obra, que destaca pola calidade técnica, ten como elementos centrais o lume que quenta un alambique e auga do río no que nadan as anguías

- Xiana Fabeiro, da Devesa, e Cristina Martínez, de Cerneira, acadaron o segundo e terceiro premios

CarteisGañadoresAnguía

Valga, 6 de agosto de 2026.

Alejandro Vidal Bralo, veciño do lugar de Cimadevila (San Miguel de Valga) é o autor do cartel anunciador da XXXVI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. El foi o gañador do concurso artístico convocado polo Concello para elixir o póster co que se dá publicidade á celebración gastronómica, que se celebra vindeiro 29 de agosto e que está declarada de Interese Turístico de Galicia.

A obra, que se presentou baixo o lema “Auga e lume”, ten como protagonistas a estes dous elementos. O lume dando calor a un alambique para o destilado tradicional da augardente e a auga na que nadan varias anguías. Unha delas envolve coa súa cola unha copa de caña. O traballo destaca pola súa calidade técnica e, visualmente, tamén polo seu colorido.

O segundo premio foi para Xiana Fabeiro Bermúdez, da Devesa (Campaña), e o terceiro recaeu en Cristina Martínez Ríos, de Cerneira (Setecoros).

O xurado encargado de determinar os premiados reuniuse esta mañá e estivo integrado pola concelleira de Turismo, Malena Isorna, o técnico municipal de Cultura Santiago Chenlo; e a responsable de Normalización Lingüística, Tamara Cerneira. Os tres galardoados recibirán premios de 150, 100 e 75 euros, respectivamente, así como un trofeo, que lles serán entregados o vindeiro 29 de agosto no transcurso dos actos da XXXVI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

Ao concurso para elixir o cartel anunciador concorreron un total de dezasete obras, o que o converte na edición con máis participación dos últimos anos. As bases establecían que tiñan que facer referencia aos produtos postos en valor na festa –a anguía e a caña– ou a elementos esenciais nos procesos de obtención dos mesmos. Non se establecían limitacións de técnicas a empregar súa, pero si tiñan que incluír obrigatoriamente o escudo do Concello, a lenda “XXXVI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País” e as datas de celebración.

1PremioCartel26

2PremioCartel26

3PremioCartel26