- O cociñeiro Álex Iglesias guiounos no proceso e ofreceulles múltiples ingredientes para maridar
- Coñeceron produtos galegos con selo de calidade e tamén técnicas culinarias coma a caramelización

Valga, 5 de agosto de 2026.
A edición 2026 do Agosto Gastronómico de Valga xa está en marcha, e os protagonistas deste arranque foron os máis cativos. Máis de trinta rapaces participaron onte no obradoiro de cociña infantil. Botaron man do mandil e adquiriron o papel de auténticos cociñeiros para elaborar as súas propias tostas no Parque Irmáns Dios Mosquera. Só había unha condición: a anguía tiña que ser un dos ingredientes, e a partir de aí a creatividade foi total.
Os pequenos chefs puideron tostar o pan ao seu gusto e elixir entre unha ampla variedade de sabores para compoñer as súas creacións. Contaron con produtos galegos con selo de calidade, coma queixos de distintas denominacións de orixe (San Simón da Costa, Arzúa-Ulloa e O Cebreiro), Mel de Galicia, marmeladas do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) e aceite co distintivo de Artesanía Alimentaria. A despensa completouse con froitos vermellos coma fresas e arandos, brotes verdes e hortalizas variadas, xamón, touciño, froitos secos ...
Mentres algúns optaron por opcións salgadas, outros preferiron os sabores doces e incluso houbo quen se atreveu a combinar ambos. Ademais da preparación básica, os nenos aprenderon técnicas de cociña máis avanzadas, coma a caramelización de froitas empregando un soplete de cociña.
O resultado final destacou tanto pola presentación coma polo gusto, e moitos dos participantes non puideron resistirse a probar as súas propias creacións alí mesmo.
Foi un inicio inmellorable para un mes de agosto cheo de sabor en Valga.
ES
EN