Accessibility Tools

Todas

O IES DE VALGA MODERNIZA O SISTEMA DE VENTILACIÓN DOS TALLERES CUN INVESTIMENTO DE 185.000 EUROS DA CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

- A concelleira Carmen Gómez visitou a zona de obras xunto á directora do centro e o xefe do departamento de Fabricación Mecánica

- “Son melloras importantes para a seguridade e a saúde” do alumnado e do profesorado, destacaron

VentilaciónIES1

Valga,  15 de setembro de 2026.

No IES de Valga estanse a executar obras centradas na mellora da calidade do aire e da seguridade nos seus talleres. A actuación conta cun investimento de 184.578,87 euros, financiados pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, e os traballos corren a cargo da empresa Servizos Integrais de Xestión e Mantemento S.A. (Mantotal).

Para coñecer de primeira man a evolución dos traballos, a concelleira de Educación, Carmen Gómez, realizou unha visita ás instalacións acompañada pola directora do centro, Conchi Paz, e por Antonio Campo, quen asumiu a xefatura do departamento de Fabricación Mecánica dende comezos deste curso.

O proxecto consiste na renovación do sistema de aspiración e ventilación en dous dos talleres de soldadura do instituto, espazos onde o alumnado de diversos ciclos de Formación Profesional realiza habitualmente as súas sesións prácticas.

Durante o proceso de soldadura xéranse fume, gases de combustión e partículas metálicas en suspensión. O novo equipamento está deseñado para capturar estes vapores e partículas no punto onde se orixinan, antes de que poidan dispersarse polo taller. Ademais, conta cun sistema de filtrado de alta eficiencia que retén os contaminantes, evitando así a súa expulsión ao exterior. "Trátase dunha obra de moito calado e importante para a seguridade e a saúde do alumnado", subliñaron os representantes do IES Plurilingüe.

Situación do ciclo de Agroxardinaría

Durante a visita, a concelleira Carmen Gómez tamén aproveitou para interesarse pola situación doutras ensinanzas que se imparten no centro, concretamente polo 1º curso do Ciclo Básico de Agroxardinaría e Composicións Florais.

A directora, Conchi Paz, informou que unicamente se rexistrara unha matrícula, motivo polo cal a formación non se impartirá no presente ano lectivo. Con todo, a dirección aclarou que isto non supón unha supresión definitiva, senón que poderá retomarse en vindeiros anos se hai demanda suficiente. De feito, o segundo curso do ciclo continúa desenvolvéndose con normalidade.

VentilaciónIES2 VentilaciónIES3