Accessibility Tools

Todas

O ALCALDE ACOMPAÑOU AO PRESIDENTE DA XUNTA NUNHA VISITA Á ETAP DE PADRÓN, TRALO INVESTIMENTO DE MÁIS DE 10 MILLÓNS PARA MELLORAR O ABASTECEMENTO

- Valga é un dos nove concellos da contorna do Ulla e da Ría de Arousa que reciben auga dende esta depuradora

- Bello Maneiro destaca que “levamos décadas facendo grandes esforzos para levar o abastecemento de auga a toda a nosa poboación”

ETAPCasal1

Valga,  15 de setembro de 2026.

O alcalde, Jose María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez, acompañaron este mediodía ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha visita a Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) do Casal, en Carcacía (Padrón) tralo remate das obras de ampliación que permitirán reforzar a subministración de auga potable a nove concellos da contorna do río Ulla e da marxe dereita da Ría de Arousa, entre eles Valga. As remodeladas infraestruturas dan servizo a unha poboación de 90.000 persoas. Tamén participaron no acto a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, entre outros representantes da administración autonómica, alcaldes e concelleiros dos concellos beneficiados.

Xunta investiu 10,5 millóns de euros para modernizar esta infraestrutura hidráulica clave, que levaba 30 anos en funcionamento. Con esta actuación, a planta pasa de tratar 450 a 630 litros por segundo, o que supón un incremento do 40% na súa capacidade. Así, os traballos permiten dar resposta ás necesidades de abastecemento de Valga e tamen de Padrón, Pontecesures, Dodro, Catoira, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira. Ademais, tamén se deixou preparada a rede para prestar apoio a Vilagarcía no caso de que fose necesario

Ademais da mellora no abastecemento, a obras hoxe inauguradas tamén supoñen un avance na protección ambiental do río Ulla ao incorporar unha nova liña de tratamento de lodos e implantar un sistema de recuperación e reutilización da auga de lavado dos filtros.

Alfonso Rueda, que convidou a reflexionar sobre o uso eficiente da auga, puxo esta actuación como exemplo de que as infraestruturas hidráulicas teñen que pensarse con visión supramunicipal e, malia ser o abastecemento de auga unha competencia municipal, volveu amosar o compromiso do Executivo galego para colaborar cos concellos neste obxectivo común. “Abrir a billa parece algo moi sinxelo, pero cando non sae auga empeza a alarma, e se a que sae non a podes beber é a segunda alarma; polo tanto, temos que procurar que a haxa e que sexa de calidade”, asegurou.

Pola súa banda, Bello Maneiro apuntou que “todas as actuacións para garantir a subministración e mellorar a calidade da auga son benvidas e, de aí, o noso agradecemento á Xunta por realizar este investimento”. O alcalde incidiu en que Valga leva décadas facendo esforzos importantísimos para levar o servizo de abastecemento a toda a poboación, para o que contamos con catro depósitos, varios bombeos e quilómetros e quilómetros de tubaxes”. A prioridade nestes momento, continúa o rexedor, e repoñer as tubaxes máis antigas, que xa se atopan obsoletas, provocan avarías e demasiadas perdas de auga.

ETAPCasal2 ETAPCasal3