Accessibility Tools

Todas

O CONCELLO TRAMITOU 110 PERMISOS DE FOGUEIRAS PARA SAN XOAN E PIDE RESPONSABILIDADE PARA EVITAR INCIDENTES CO LUME

- Ante as altas temperaturas, aconséllase que as cacharelas non superen os 2 metros de diámetro e 1 de altura

- Non deben queimarse follas secas, papeis e outros materiais que poidan propagar o lume por faíscas

sanjuan

Valga, 22 de xuño de 2026.

O Concello de Valga tramitou un total de 110 solicitudes de permiso para prender fogueiras na noite de San Xoán. O prazo rematou o pasado venres e a parroquia que rexistrou un maior número de solicitudes veciñais foi a de Cordeiro, cun total de 34. A continuación sitúase Xanza, con 31; seguida de Valga, con 18. En Campaña e Setecoros están autorizados 16 e 11 lumes, respectivamente.

O listado completo de cacharelas autorizadas foi posto en coñecemento do Servizo de Defensa contra incendios do Distrito Forestal XIX Caldas-Salnés e dos servizos de emerxencias, que farán un seguimento para evitar posibles incidentes.

Debido ás altas temperaturas, dende o Concello de Valga, en coordinación cos servizos de emerxencias, faise un chamamento á responsabilidade e pídese aos solicitantes que extremen as precaucións e cumpran esta serie de recomendacións de seguridade:

Reducir o tamaño das fogueiras no posible, especialmente nas zonas rurais, sen que o volume do combustible exceda:

  • 2 metros de diámetro
  • 1 metros de altura
  • 6 metros de perímetro

Empregar tan só leña limpa, seca e compactada, preferiblemente troncos ou madeira maciza sen tratar.

Non deberán empregarse madeiras tratadas, pintadas, vernizadas, lacadas, taboleiro, palés tratados ou calquera outro material que poida conter produtos químicos, adhesivos, pinturas ou similares. Tampouco deben queimarse materiais contaminantes coma pneumaticos ou aerosois.

Para evitar a propagación do lume por faíscas ou pavesas incandescentes, non deben empregarse materiais lixeiros, secos ou de combustión rápida que poidan desprenderse coa calor e ser desprazados polo vento.

Evitar especialmente o uso de ramas con folla, restos de poda fina, matogueira, herba seca, follas secas, papeis e cartóns ou cortizas soltas.

Cómpre ter sempre preto auga para actuar ante posibles escapes do lume e asegurarse de deixar a fogueira completamente apagada.

No caso de calquera incidente, chamar aos números gratuítos 085 e 112.

Lembrase, ademais, que os permisos poderán ser suspendidos ou revogados se as condicións meteorolóxicas ou o risco de incendio así o aconsellan.