· - O alcalde destacou as saídas laborais que ofrece a Formación Profesional que se imparte no instituto valgués
· - A ceremonia celebrouse no Auditorio Municipal, no que se deu cita toda a comunidade educativa
Valga, 20 de xuño de 2026.
O Auditorio Municipal acolleu a cerimonia de graduación do alumnado de ciclos de Formación Profesional (FP) do IES Plurilingüe de Valga. Un acto que supón o fin de ciclo para uns estudantes que onte recibiron os seus diplomas; un punto e seguido para moitos que continuarán coa súa formación académica, e unha porta aberta ao mundo laboral para outros que se inserirán xa no mercado de traballo.
O alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez, acompañaron no acto á directora do instituto, Conchi Paz, e aos demais representantes da comunidade educativa. Tampouco faltou representación da ANPA, coa presidenta, Ramona Tanoira, e a vicepresidenta, Patricia Rañó.
Durante a súa intervención, o alcalde felicitou a todos os graduados e quixo poñer en valor a calidade dos estudos cursados no municipio. Bello Maneiro destacou que os ciclos formativos que se imparten no IES de Valga contan con saídas laborais, ao tratarse de profesións cunha alta demanda por parte das empresas locais e de toda a contorna. “Cando, fai máis de 25 anos, o Concello xestionou ante a Xunta a construción dun instituto en Valga, moitos non pensarían que chegariamos a ter unha variedade tan grande de ensinanzas. E queremos máis”, incidiu o rexedor municipal.
Pola súa banda, a directora do centro, Conchi Paz, quixo subliñar a esencia da Formación Profesional, afirmando que a FP representa “a capacidade de aprender facendo e de poñer o talento ao servizo da sociedade”.
Diversas ramas profesionais
Os alumnos que recolleron os seus diplomas completaron con éxito estudos en diferentes familias profesionais, consolidando ao IES de Valga como un referente na zona. Os ciclos dos graduados foron os seguintes:
- · Básico de Agroxardinaría e Composicións Florais
- · Básico de Fabricación e Montaxe
- · Medio de Mantemento Electromecánico
- · Medio de Xardinaría e Floraría
- · Medio de Soldadura e Caldeiraría
- · Superior de Mecatrónica Industrial
- · Superior de Construcións Metálicas
Varios representantes do alumnado tomaron a palabra para lembrar con agarimo e gratitude esta etapa que agora remata, algúns con palabras emotivas, outros botando man do humor, pero todos incidindo no importantes que estes anos foron para eles a nivel formativo e tamén persoal.
A gala, que estivo conducida por Saray Suárez, contou coa intervención musical de Carla Herrero, alumna do Centro Superior de Música.
ES
EN