- Unha vintena de colectivos culturais e veciñais asinaron unha declaración conxunta para respaldar a solicitude ante a RAG
- Cumpridos os 10 anos do seu pasamento, o goberno local avanza nas xestións con diferentes entidades para recoñecer ao “cura galeguista”

Valga, 22 de outubro de 2026.
O Concello de Valga segue a dar pasos para acadar que o Padre Isorna sexa recoñecido co Día das Letras Galegas. Con este claro obxectivo, o goberno local convocou nos últimos días ao tecido asociativo para sumar forzas, e a resposta non deixou lugar a dúbidas: unha vintena de asociacións culturais e veciñais asinaron unha declaración conxunta de apoio que dá impulso á candidatura.
Este apoio súmase ás xestións que o goberno valgués, en estreita colaboración coa familia do Padre Isorna, vén realizando nos últimos meses ante entidades coma a Real Academia Galega e, individuamente, cos actuais académicos; e tamén no convento franciscano de Santiago de Compostela.
Xosé Manuel Isorna Ferreirós (Barcia, 1921–2016) destacou ao longo da súa vida por un compromiso firme e pioneiro coa divulgación do galego. A relevancia do seu traballo en prol da lingua galega está fóra de toda dúbida, xa que foi unha figura clave para a súa introdución e consolidación en ámbitos como a igrexa e a comunicación, levando a palabra en galego a milleiros de fogares e converténdose nun referente da normalización lingüística.
Foi recoñecido, popular e institucionalmente, como o “cura galeguista” polo seu labor pioneiro na normalización e dignificación do galego no ámbito relixioso, litúrxico e espiritual. Durante máis de dúas décadas levou a nosa lingua a centos de miles de fogares ao oficiar as misas dominicais na Televisión de Galicia (TVG), alén da súa actividade como colaborador xornalístico.
Cultivou, ademais, a prosa en galego e contribuíu a espallar o pensamento e a identidade cultural do noso país. En 1967 foi nomeado membro correspondente da RAG e mantivo, ao longo de case medio século, unha constante colaboración coa institución.
O 17 de maio de 1997 recibiu o título de Fillo Predilecto de Valga e no ano 2009, o franciscano doou ao Concello a súa biblioteca privada, integrada por uns 15.000 volumes: traballos de teoloxía e filosofía, literatura histórica, libros de poesía e arte, bibliografías, publicacións propias, enciclopedias, dicionarios, mapas e diverso material audiovisual, que pasaron a formar parte do patrimonio público valgués e que permitiron abrir en 2011, no Auditorio Municipal, a primeira biblioteca pública de teoloxía de Galicia.
O vindeiro martes levarase a Pleno unha proposta de Alcaldía para oficializar, co respaldo de toda a Corporación, a solicitude para que o Padre Isorna se converta no segundo valgués homenaxeado no Día das Letras Galegas, despois de Xesús Ferro Couselo en 1996.

ES
EN