- Este equipamento dará servizo a un gran produtor de biorrediduos, o restaurante O Mencer, e tamén aos residentes nas aldeas próximas
- A comezos de novembro desenvolverase na zona unha campaña informativa sobre a compostaxe, explicando o funcionamento do novo centro e resolvendo dúbidas veciñais

Valga, 22 de outubro de 2026.
A rede de compostaxe de Valga, implantada no ano 2020, continúa ampliándose e, nas vindeiras semanas, entrará en servizo un novo centro de compostaxe comunitaria que acaba de instalarse en Vilarello, co obxectivo de seguir achegando este modelo de xestión dos residuos orgánicos ao maior número de familias valguesas.
Este equipamento atenderá as necesidades dun gran produtor local –o restaurante O Mencer–, pero tamén dará servizo aos veciños da contorna. Por iso, a comezos do mes de novembro levarase a cabo, nos lugares de Vilarello e Vilar, unha campaña informativa para dar a coñecer este centro de compostaxe,
explicar o seu funcionamento e resolver posibles dúbidas. Parte desta información atópase tamén na cartelería colocada no lugar, xunto ás unidades modulares que forman o centro.
O orzamento desta actuación ascendeu a 13.072 euros, obtidos dunha subvención da Consellería do Medio Ambiente a través dunha orde de axudas para actuacións dirixidas a incrementar a ecoeficiencia na xestión de residuos de competencia municipal, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.
Sete centros comunitarios e máis de mil composteiros
Con este son xa sete os centros comunitarios que o Concello ten distribuídos en diferentes puntos do termo municipal: a Avenida da Coruña e a rúa Doutor de Oya Salgueiro en Pontevalga; o colexio Baño-Xanza; Rúa Nova e o Corona de Galicia en Campaña; e o restaurante Gran Barril en Bronllo (Setecoros). Ademais, téñense repartido entre a veciñanza 1.050 composteiros domésticos co obxectivo de reducir o volume de lixo que se bota ao colector da fracción resto (colector verde).
Os resultados avalan esta aposta, xa que o impacto do sistema está a ser moi positivo. Grazas á implicación veciñal e ao correcto uso dos composteiros, Valga consegue retirar do circuíto convencional do lixo arredor de 250 toneladas de residuos orgánicos ao ano, reducindo os custos económicos e ambientais do seu tratamento. E, ademais, estes refugallos transfórmanse en compost natural útil para a horta e o xardín.
ES
EN