- Persoal de Galaica Tours estivo hoxe en Valga para concertar as primeiras viaxes e regresará mañá e o mércores
- O goberno local lamenta que o Ministerio anulara o convenio que permitía ao Concello distribuír case 100 prazas entre os veciños

Valga, 14 de setembro de 2026.
Dende hoxe e ata o vindeiro mércores, a axencia Galaica Tours desprázase á Casa do Concello de Valga para xestionar de forma presencial a elección de destino do programa de Turismo Social do Imserso. Con esta medida, o goberno municipal busca ofrecer as maiores facilidades aos pensionistas valgueses á hora de acceder a estas viaxes.
A iniciativa xorde despois de que o Ministerio de Dereitos Sociais e Consumo suprimira o convenio que mantiña dende hai anos co Concello, o cal permitía a Valga dispoñer de prazas propias para distribuír entre os veciños beneficiarios do programa de Turismo Social. Ante esta situación, e tendo en conta a inexistencia de axencias de viaxes no municipio xunto coas dificultades que a fenda dixital supón para que as persoas maiores realicen o trámite por internet, o goberno local decidiu contactar con Galaica Tours para que a propia axencia se desprazara á Casa Consistorial.
Tino Rodríguez, un dos dous axentes que hoxe estiveron en Valga, concertou durante a mañá as primeiras viaxes para os pensionistas valgueses. Con experiencia na xestión de prazas do Imserso dende 1994, Rodríguez sinalou que destinos como o Levante, Andalucía ou as illas figuran sempre entre os máis demandados, aínda que existen opcións para viaxar por practicamente toda España.
"É a primeira vez que nos chama un Concello para ofrecer este servizo aos seus veciños. Paréceme unha gran iniciativa, tendo en conta que en Valga non hai axencia de viaxes. Isto permite poñer as cousas máis fáciles á xente maior, que sempre ten máis dificultade para acceder a internet. Nós estamos encantados de poder axudar", destacou o axente de Galaica Tours.
Con accións coma esta o Concello segue a apostar por uns Servizos Sociais de proximidade, traballando para achegalos o máis posible ás xentes do rural e, especialmente, ás persoas maiores.

ES
EN