Accessibility Tools

Todas

A CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN RENOVA AS CUBERTAS DOS PATIOS EXTERIORES DO COLEXIO FERRO COUSELO

- As estruturas atopábanse deterioradas e a auga filtrada dificultaba o normal desenvolvemento da actividade lectiva

- “As melloras foron xestionadas fai tempo polo Concello e agardamos que tamén se contraten as melloras pendentes no colexio de Baño”, sinala o alcalde

ObrasColeFC1

 

Valga, 10 de setembro de 2026.

O recinto do CEP Xesús Ferro Couselo atópase en plenos traballos de mellora que afectan ás zonas exteriores. As actuacións céntranse na rehabilitación das cubertas do patio lateral e da zona deportiva anexa co obxectivo de ter a infraestrutura a punto ante a chegada da época de chuvias.

No patio cuberto, os operarios traballan no saneamento de todas as vigas de ferro, eliminando a oxidación acumulada e protexendo o metal contra a corrosión futura, para así garantir a seguridade da estrutura a longo prazo. Xunto a este tratamento, procederase á substitución completa da cuberta tanto nesta área como na pista deportiva, xa que o seu deterioro orixinaba filtracións de auga que dificultaban a práctica docente e o desenvolvemento normal de actividades complementarias durante os meses de inverno.

Con estes traballos, que esta semana visitou a concelleira de Educación, Carmen Gómez, a comunidade educativa do CEP Ferro Couselo poderá aproveitar ao máximo os espazos exteriores sen os inconvenientes causados polo mal tempo.

O alcalde, José María Bello Maneiro, destacou a importancia destas obras e sinalou que "trátase de actuacións que foron xestionadas xa fai tempo polo goberno local". O rexedor amosou a súa confianza en que, "do mesmo xeito, sexan contratadas canto antes as melloras que se atopan pendentes no CEIP Baño-Xanza".

ObrasColeFC2 ObrasColeFC3