Accessibility Tools

Todas

O CONCELLO DENUNCIA ANTE A GARDA CIVIL PINTADAS E ACTOS VANDÁLICOS CONTRA O PATRIMONIO PÚBLICO

- Os danos afectan ás casetas do miradoiro de Beiro, en proceso de rehabilitación, e á marquesiña do colexio Baño-Xanza

- O goberno local chama á responsabilidade para frear o vandalismo, que xa deixou roubos de material e outros danos en parques e instalacións deportivas

Pintadas1

Valga, 17 de novembro de 2026.

O Concello de Valga vén de presentar unha denuncia ante a Garda Civil sobre diferentes actos de vandalismo acontecidos nas últimas xornadas e que afectan a equipamentos espazos de titularidade municipal. Trátase, concretamente, de pintadas aparecidas no miradoiro de Beiro e tamén nalgunhas marquesiñas e que supoñen un atentado contra o patrimonio público. A administración local busca deste xeito que se inicien as investigacións oportunas para lograr identificar e localizar aos autores destas accións.

En Beiro, as pintadas afectan ás casetas de madeira do Miradoiro do Muíño de Vento, unhas instalacións que se atopan en proceso de rehabilitación e, aínda sen tempo a concluír as obras, xa foron vandalizadas. Ademais, pintadas similares tamén se detectaron na marquesiña do colexio Baño-Xanza e, dende fai semanas, están a proliferar de forma alarmante noutros moitos espazos públicos e privados das diferentes parroquias de Valga: en carteis de obras, sinais, muros e incluso fachadas de vivendas.

Ante esta escalada de danos, o Concello puxo a situación en coñecemento da Garda Civil para que se leven a cabo as investigacións precisas e poida localizarse ao autor ou autores. "Resulta desalentador que se estean a investir fondos no acondicionamento de espazos e infraestruturas para que, acto seguido, os vándalos acaben con todo".

A problemática do vandalismo en Valga, lonxe de ser un feito illado, acumula outras incidencias nos últimos tempos. Entre os casos máis graves atópanse desperfectos continuos nos baños públicos do Parque Irmáns Dios Mosquera, roubos de cable eléctrico, o furto de adoquíns de pedra no embarcadoiro de Santa Cristina, subtracción de mobiliario en diversas áreas de lecer e de tramos de varanda de madeira das fervenzas, destrozos nas instalacións deportivas do Muíño de Vento...

Ante esta situación, o Concello fai un chamamento á colaboración veciñal e á responsabilidade cidadá para protexer o que é de todos, mentres agarda que a intervención da Garda Civil permita identificar aos responsables destes atentados contra o patrimonio municipal.

Pintadas2Pintadas3