- A actividade, con visitas á Aldea Grobit da Toxa e ao Acuario do Grove, está aberta ás unidades familiares con menores
- O Concello subvenciona o despazamento en autobús e o prezo, de 25 euros os nenos e 28 os adultos, tamén inclúe o xantar
Valga, 17 de novembro de 2026.
A Escola de Familias, un programa gratuíto promovido polo Concello para ofrecer ferramentas educativas que axuden na crianza e no desenvolvemento dos fillos, organiza unha nova actividade dirixida ás familias valguesas: unha xornada de convivencia que terá lugar o sábado 19 de decembro e que incluirá unha visita á Aldea Grobit, na Illa da Toxa, entrada ao Acuario do Grove e tamén fará parada na vila de Cambados.
Esta actividade está dirixida a unidades familiares con menores, aínda que a participación non é exclusiva para pais e fillos, senón que os rapaces poden acudir tamén acompañados por avós, tíos ou outros parentes sempre que formen parte da mesma unidade de convivencia familiar.
A saída dende Valga está prevista para as 11 da mañá en autobús subvencionado polo Concello. O prezo por persoa é de 25 euros os menores e 28 euros os adultos, incluíndo tanto a entrada ao Acuario coma o xantar.
As persoas interesadas en participar xa poden formalizar as súas inscricións directamente no Concello, no departamento de Servizos Sociais.

ES
EN