- O presidente da Xunta achegouse esta mañá ao nacemento, acompañado polo alcalde
- Grupos de Italia, Málaga, Navarra ou Burgos achegáronse a Campaña nestes primeiros días de apertura

Valga, 28 de novembro de 2026.
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, achegouse esta mañá ao Belén Artesanal en Movemento, que dende a súa inauguración o pasado domingo rexistrou xa máis de 2.500 visitantes.
O titular do Executivo autonómico estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández; o alcalde, José María Bello Maneiro; a segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez; e o concelleiro José Ángel Souto. A presidenta da asociación Amigos do Belén, Mari Carmen Castiñeiras, foi a encargada de guiar á comitiva, amosándolles as novas escenas incorporadas nesta edición e explicándolles como foron confeccionadas de xeito artesanal.
A presidenta sinalou que a decisión de abrir as portas unha semana antes do habitual tivo unha resposta moi positiva por parte do público. Ao longo destes días chegaron a Valga autobuses procedentes de distintos puntos de Galicia e do resto do España —coma Málaga, Burgos ou Navarra—, ademais de visitantes internacionais, entre os que destacou un grupo de turistas italianos.
Mari Carmen Castiñeiras valorou moi positivamente os resultados desta primeira semana: “A inauguración tan cedo tivo unha boa acollida. Pensabamos que esta semana non habería moito movemento, pero ao contrario, estamos moi contentos co adianto, saíu moi ben”. A presidenta da entidade explicou que, aínda que o público adoita programar as súas visitas a partir da vindeira semana seguindo o calendario tradicional do Belén, “moitos animáronse e aproveitaron para vir antes”.
A partir do vindeiro luns, comezarán as visitas concertadas para centros educativos, asociacións e outros grupos organizados.
Respaldo institucional ao traballo veciñal
Pola súa banda, o alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, destacou que “para o Belén e para Valga é moi importante a visita do presidente da Xunta, unha forma de respaldar o traballo que vén facendo este grupo de persoas, por iso é de agradecer».
O rexedor lembrou que non é a primeira ocasión na que Rueda se achega a coñecer a montaxe e expresou o seu desexo de manter a colaboración autonómica: “Esperamos que a Xunta siga apoiando como vén facendo ao Belén Artesanal e á asociación Amigos do Belén, que traballan duro para desfrute de todos os valgueses e dos visitantes que chegan de toda Galicia, España e incluso do estranxeiro, como vimos esta semana cun grupo de persoas chegadas dende Italia”.

ES
EN