Accessibility Tools

Todas

REMATAN OS TRABALLOS DE ACONDICIONAMENTO DAS CASETAS NO MIRADOIRO DE BEIRO

- As construcións, antes pechadas, abríronse para mellorar o seu aproveitamento como merendoiros

- A actuación, valorada en 25.410 euros, financiouse a través dun convenio entre Turismo de Galicia e Mar de Santiago

CasetasBeiro1

Valga, 27 de novembro de 2026.

O Concello rematou nas últimas datas as obras de acondicionamento das casetas situadas na área recreativa do Muíño de Vento, en Beiro, unha intervención deseñada para lograr unha mellor integración destas edificacións na contorna natural e ampliar o seu aproveitamento social.

Os traballos consistiron na apertura das construcións, habilitándoas como espazos diáfanos e facéndoas máis accesibles ás familias, á veciñanza e aos visitantes que se acheguen a esta contorna. Deste xeito poden empregarse como merendoiros. Para harmonizar a súa estética coa paisaxe, recubríronse os exteriores e os interiores con madeira e procedeuse tamén ao arranxo e cambio dos tellados.

A posta a punto desta área recreativa completouse con outra intervención destinada a reforzar a seguridade e a imaxe do miradoiro: a renovación integral da varanda de madeira.

Estas actuacións contaron cun orzamento de 25.410 euros, financiados a través dun convenio de colaboración entre a axencia Turismo de Galicia e o xeodestino Mar de Santiago, do que forma parte Valga.

Chamamento ao civismo tras os actos vandálicos

Coa posta en servizo das renovadas instalacións, dende o goberno local faise un chamamento á veciñanza para que realice un uso responsable e coidadoso deste espazo e do patrimonio público, co fin de garantir o seu mantemento en óptimas condicións.

Lamentablemente, tal e como denunciou o propio Concello fai días, as casetas sufriron actos vandálicos en forma de pintadas pouco antes de que finalizasen os traballos de mellora, uns feitos que están a ser investigados pola Garda Civil.

CasetasBeiro2 VarandaBeiro1