- Charo López Figueira, a súa irmá Mª Jesús e a súa filla Julia son as protagonistas da mostra do mes de abril
- Entre as obras, algunhas á venda, hai bolsos, pinturas, bixutería e outras pezas feitas a man
Valga, 16 de abril de 2026.
Tres membros dunha mesma familia protagonizan a exposición do mes de abril no Auditorio Municipal, que hoxe foi visitada polo alcalde, José María Bello Maneiro, e as concelleiras Carmen Gómez e Malena Isorna. Os tres acompañaron ás artistas: Charo López Figueira, a súa irmán Mª Jesús e a súa filla Julia Rey López, que ofrecen unha mostra multidisciplinar na que poden verse dende bolsos, ata pinturas sobre distintos soportes, bixutería e incluso algunha escultura.
Trátase dunha saga familiar moi creativa. Esta faceta “xa vén da nosa nai, que cun anaco de tea facía calquera cousa, pintaba mobles, decoraba...”, conta Mª Jesús. Ela rexenta unha tenda de restauración de obxectos relixiosos e mobles, aínda que non ía para artista. “Estudei filoloxía, pero ao final saíu a miña verdadeira vocación: a pintura e o traballo coas mans”. Pratos, tarteiras e outros obxectos pintados a man, un cadro, broches feitos con sementes de camelia e colgantes con cunchas de ostra ou zamburiñas son as súas aportacións á mostra.
A súa irmá Charo presenta diferentes modelos de bolsos feitos a man. Son pezas únicas de pel, coiro, teas falleiras, liño e pasamanería. A súa foi unha aprendizaxe autodidacta. “Fai 30 anos meu pai comproume unha máquina de coser e púxome a facer panos”, lembra. Pouco a pouco foi ampliando as súas creacións e “antes da pandemia comecei cos bolsos”. Foi unha evolución baseada na curiosidade e nas gañas de aprender, explica. “Ás veces un descobre un talento que non sabía que tiña, e iso foi o que me pasou a min cos bolsos. Cando vexo algúns dos primeiros que fixen, apréciase moito o cambio”.
A máis nova deste trío é Julia Rey, que estudou escultura na Escola de arte e deseño Mestre Mateo de Santiago e tamén ilustración en Pontevedra, onde tivo como un dos seus mentores a Kiko Da Silva. A parte da exposición que inclúe varios debuxos, dous xogos de bonecas matrioshkas pintadas a man, unha escultura e varias táboas, unha delas cunha representación da Bella Otero.
Trala visita á mostra, o alcalde felicitou ás tres artistas polo gran traballo que desenvolven e animounas a seguir perseguindo as súas metas neste mundo. “Espero que esta exposición en Valga supoña un empurrón na vosa traxectoria”, sinalou.
ES
EN