Accessibility Tools

Todas

Featured

BELLO MANEIRO, SATISFEITO POLOS AVANCES NO PROXECTO DO APEADOIRO: “VALGA SEMPRE APOSTOU POLO TREN DE CERCANÍAS”

- O alcalde compareceu xunto ao delegado do Goberno para valorar a licitación, por parte do ADIF, dos traballos de redacción do proxecto

- “Non queremos un tren con doce vagóns, queremos doce trens dun vagón” para dar alternativas aos usuarios

RPApeadoiro1

Valga, 15 de abril de 2026.

Son días “importantes, de verdadeira satisfacción para Valga”, sinalou hoxe o alcalde, José María Bello Maneiro, nunha comparecencia conxunta co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, para valorar a recente licitación, por parte do ADIF, dos traballos de redacción do proxecto de construción dun apeadoiro do tren en Valga, nos que se investirán case 260.000 euros. “É unha vella demanda”, incidiu o rexedor, na que o Concello leva anos traballando con discreción co obxectivo de conseguir para Valga un novo servizo que permita aos veciños desprazarse a outras cidades e vilas galegas a estudar, a traballar, a citas médicas, a realizar trámites... E tamén permita a milleiros de traballadores que a diario se desprazan ás fábricas valguesas prescindir do vehículo privado e empregar o transporte público.

Máis de 150 anos despois da inauguración da liña ferroviaria que atravesa as parroquias de Campaña e Cordeiro (a primeira de Galicia entre Cornes e Carril), está máis preto que nunca conseguir que o tren pare en Valga. E iso, entende Bello Maneiro, será unha forma de facer xustiza coa solidariedade demostrada sempre polos valgueses. “Valga sempre foi solidaria co progreso”, remarcou o alcalde. “O gasoducto Vilalba-Tui pasa polo municipio sen dar servizo á poboación. O mesmo a AP-9 e a propia vía férrea. Cando se construíu moitos veciños víronse afectados, os seus terreos quedaron partidos en dous nuns anos nos que se vivía da terra. E todo sen poder beneficiarse dese servizo”.

Por iso, continúa, ver a Valga coma punta de lanza dunha futura rede de cercanías en Galicia é un orgullo para o Concello e para os veciños. “Nós cremos no tren de cercanías. Outros apostaron polas vías verdes, nós non, o que queremos é que os valgueses poidan subir e baixar do tren no seu concello, sen ter que desprazarse a outras vilas”. Neste sentido, Bello Maneiro, entende que a situación xeográfica estratéxica, “a 20 minutos de Santiago, Vilagarcía ou Pontevedra”, xunto coa aposta por novos servizos coma o tren poden impulsar o crecemento de Valga e “axudar a fixar poboación”.

“Traballamos durante anos en silencio, pero traballamos que é o importante, demostrando que dúas administracións de diferentes cores poden entenderse para sacar adiante actuacións para o futuro do noso concello pero tamén para Galicia, xa que esperamos que a rede de cercanías galega sexa unha realidade canto antes” e con servizos e frecuencias que dean resposta ás necesidades dos cidadáns: “Non queremos un tren con doce vagóns, queremos que pasen doce trens dun vagón durante o día para ofrecer alternativas”.

O alcalde trasladou ao delegado do goberno o agradecemento do Concello “por entender as demandas de Valga. Nós ofrecemos a colaboración para seguir realizando actuacións” coma a supresión dos dous pasos a nivel que quedan en Vilar e no límite con Pontecesures, para a mellora da seguridade viaria na N-550 ou para execución da Variante desta estrada nacional.

Tralo alcalde, interveu o delegado do Goberno, que “destacou o cambio de paradigma na mobilidade” que pode afianzarse con actuacións coma o futuro apeadoiro de Valga, ofrecendo alternativas de transporte “a poboacións pequenas e rurais” con proxectos coma este, que “non supón un investimento multimillonario pero que é fundamental”.

Pedro Blanco agradeceu ao goberno valgués “a paciencia e a lealdade institucional que demostrou e que, moitas veces, se bota en falta”.

O futuro apeadoiro

O futuro apeadoiro de Valga suporá un investimento aproximado de dous millóns de euros. Contará cun andén de 160 metros e varios módulos de acceso, de espera para os viaxeiros e outras instalacións como aseos. Tamén se habilitará zona de aparcadoiro.

O estudo licitado polo ADIF fai uns días deberá determinar cal é o emprazamento idóneo e tamén analizará posibles melloras nos accesos rodados dende estradas próximas e dende outras paradas de transporte público.

RPApeadoiro2 RPApeadoiro3