- O primeiro showcooking do “Agosto Gastronómico” tivo como protagonista a augardente, nas súas variedades branca, de herbas e tostada
- O luns abre o prazo de inscrición nas sesión “Moito máis que caña” e “Universo Anguía”

Valga, 12 de agosto de 2026.
Os fogóns da Casa da Caña acendéronse onte co primeiro showcooking do “Agosto Gastronómico” 2026, no que a caña tradicional de Valga subiu un pouco máis os graos dunha calorosa tarde. O chef Álex Iglesias ofreceu unha sesión de cociña en directo na que elaborou tres pratos salgados e un doce empregando a augardente local como ingrediente para dar sabor e aroma ás salsas, para flamexar e para realzar outros produtos galegos con selo de calidade coma porco celta, mexillóns, castañas e mel de Galicia. Ademais, a outra protagonista da gastronomía valguesa, a anguía, tamén se deixou notar.
Tratouse de pratos sinxelos, con ingredientes accesibles que as persoas asistentes poidan reproducir nos seus fogares e co obxectivo de acabar “coa falta de costume de empregar a caña na cociña". O chef lamentou que, mentres outros licores e destilados teñen un uso culinario consolidado, a augardente aínda ocupa un lugar máis reservado no receitario a pesar do amplo abano de sabores que ofrece: dende a pureza da caña branca, ata os sabores doces da tostada, pasando polos aromas herbais e afroitados da augardente de herbas.
O menú abriuse con “Mexillón de Galicia flambé con caña de herbas e lima”, unha receita que fuxiu da preparación máis popular deste bivalvo: ao vapor. Álex Iglesias elaborou un sofrito con allo, cebola, lima, un chorro de viño branco e caña de herbas flamexada sobre o que, despois, abriu os mexillóns.
No segundo prato, anguía e caña demostraron que forman un tándem perfecto. Tratouse dunha “Tosta de anguía afumada con allos tenros e setas ao allo de caña branca”. Os lombos do peixe desespiñados salteáronse cos cogomelos flamexados con caña tostada para potenciar o toque afumado. O cociñeiro referiuse á anguía coma un produto con personalidade, a que lle dá o seu característico sabor forxado entre o río e o mar.
Para acabar cos pratos salgados, unha carne: “Solombo de porco celta, castaña de Galicia, redución de caña branca e mostaza antiga”. E, como sobremesa, unha auténtica lambetada: filloas con recheo de crema que Álex Iglesias regou licor de laranxa feito no momento con mel de Galicia, zume de laranxa natural e caña branca.
Todos os pratos maridáronse con viños da adega valguesa Torres Augusti, que forma parte da Indicación Xeográfica Protexida Viño da Terra de Barbanza e Iria.
Os vindeiros showcookings celebraranse o domingo 23, ás 13:00 horas, e o martes 25 ás 21:00. Serán unha sesión de coctelería con caña do país e unha sesión culinaria con anguía. O prazo de inscrición para ambos abre o próximo luns, día 17.

ES
EN