- O Concello e a Xunta de Galicia asinaron un convenio de colaboración para investir 153.520 euros neste proxecto
- Colocarase un novo pavimento de pedra e mobiliario urbano e darase prioridade peonil a toda a área

Valga, 5 de novembro de 2026.
Xa están en marcha as obras de acondicionamento da contorna da igrexa parroquial de Santa Cristina de Campaña. Con motivo do inicio dos traballos, a concelleira Carmen Gómez realizou unha visita á zona para comprobar de primeira man o desenvolvemento dun proxecto pensado para poñer en valor o patrimonio local e mellorar a accesibilidade a este templo románico do século XII.
A actuación céntrase na humanización dos terreos adxacentes á igrexa e á casa reitoral, retirando o actual firme asfáltico para substituílo por un novo pavimento de pedra. Ademais, tamén se actuará no tramo da estrada municipal que discorre fronte ao templo, eliminando o aglomerado asfáltico e aplicando formigón desactivado.
O proxecto contempla a colocación de novo mobiliario urbano, traballos de xardinaría e unha sinalización específica que dará prioridade peonil a toda a área. Colocaranse tamén as canalizacións necesarias para facilitar un futuro soterramento das liñas aéreas de servizos.
Esta actuación de posta en valor e recuperación patrimonial é froito da colaboración entre administracións, xa que Concello e Xunta de Galicia asinaron un convenio por valor de 153.520 euros para o seu financiamento.
As obras serven para realzar o valor do conxunto histórico da Igrexa de Santa Cristina, que data do século XII e destaca pola súa única nave dividida en tres tramos mediante dúas parellas de columnas, así como polo seu arco triunfal de medio punto aberto no muro da nave. A fachada principal conserva a súa portada románica orixinal.
A sancristía sitúase nunha nave lateral construída con posterioridade. E o campanario é unha torre exenta de planta cuadrangular erixida a finais do século XX, despois de que un raio destruíse o anterior.
No interior do templo sobresaen as pinturas murais que decoran a cabeceira, datadas no século XVI e restauradas en 2014, que representan escenas relixiosas coma a Anunciación do arcanxo San Gabriel a María.

ES
EN