Accessibility Tools

Todas

O ALUMNADO DO OBRADOIRO DE EMPREGO ASISTIU A UNHA XORNADA SOBRE XESTIÓN SOSTIBLE DE RESIDUOS E COMPOSTAXE

- A mestra composteira municipal, Silvia Torres, impartiu unha charla e despois unha visita práctica a un centro de compostaxe comunitaria

- Servizos coma o punto limpo e o seu funcionamento tamén formaron parte da sesión

ObradoiroResiduos1

Valga, 5 de novembro de 2026.

O alumnado do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia, tanto da especialidade de carpintería coma de forestais, participaron hoxe nunha xornada divulgativa e práctica sobre a xestión de residuos e a compostaxe. A actividade foi impartida por Silvia Torres, mestra composteira municipal.

A sesión deu comezo nas aulas da Escola Taller cunha charla centrada na correcta separación das distintas fraccións do lixo. Durante este primeiro bloque, abordouse polo miúdo que tipo de residuos debe depositarse en cada contedor e cales son aqueles que, pola súa composición especial ou perigosidade, non teñen cabida nos colectores habituais e deben trasladarse ao punto limpo.

Así mesmo, Torres deu a coñecer os recursos e servizos dos que dispón a veciñanza para o tratamento do lixo: a recollida selectiva habitual, o punto limpo fixo situado en Campaña, o punto limpo móbil que percorre periodicamente as distintas parroquias e o servizo de recollida de residuos voluminosos porta a porta, que se realiza de forma mensual.

O modelo municipal de compostaxe orgánica

Outro dos eixes fundamentais da xornada foi a xestión dos residuos orgánicos mediante a compostaxe, un sistema implantado no municipio no ano 2020. Mediante este proceso natural de descomposición, a materia orgánica (como restos de comida ou restos vexetais da horta e do xardín) transfórmase en abono un abono natural que evita o uso de fertilizantes químicos.

Actualmente, a rede municipal dispón de máis de 1.000 composteiros domésticos distribuídos entre as vivendas valguesas, xunto con sete centros de compostaxe comunitaria, o último instalado hai escasas semanas en Vilarello.

Para pechar a xornada, o grupo desprazouse ata o centro de compostaxe comunitaria da Avenida da Coruña, onde os participantes puideron comprobar in situ as explicacións teóricas recibidas previamente, analizando o estado do proceso e a calidade do compost en diferentes fases.

O alumnado amosouse moi interesado no tema e participativo durante toda a sesión, formulando preguntas e plantexando curiosidades sobre a compostaxe pero tamén sobre a xestión de residuos en xeral.

ObradoiroResiduos2 ObradoiroResiduos3