- A camiñada terá lugar o 3 de outubro e pasará pola Mina Mercedes, Porto Piñeiro e o embarcadoiro de Santa Cristina
- O percorrido, de arredor de seis quilómetros, é de dificultade baixa e para participar é precisa inscrición previa

Valga, 23 de setembro de 2026.
A Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG) organiza o sábado 3 de outubro unha ruta guiada polo patrimonio mineiro de Valga: as antigas explotacións da Mina Mercedes e Porto Piñeiro e outros elementos singulares deste antigo aproveitamento mineiro, coma os vestixios da liña de vagonetas aéreas e o embarcadoiro de Santa Cristina, no río Ulla.
“A proposta permitirá coñecer a formación das arxilas na chaira do Ulla, a evolución histórica das canteiras e o proceso de restauración ambiental das lagoas artificiais, hoxe convertidas nun espazo de referencia polo seu valor paisaxístico, lúdico e ambiental”, destacan dende a COMG.
A saída está programada para as 9:30 horas na zona de aparcadoiro da Mina Mercedes e o regreso está previsto para as 13:30. A ruta, de dificultade baixa, inclúe os sendeiros circulares das dúas lagoas e a visita ao peirao: contorno da Mina Mercedes (900 metros), contorno da Mina Porto Piñeiro (1’2 quilómetros) e visita ao peirao de Santa Cristina (4 quilómetros ida e volta). Recoméndase levar calzado cómodo.
A participación é gratuíta, pero a inscrición é obrigatoria, xa que as prazas son limitadas, e a confirmación realizarase por correo electrónico. Se se esgotan as prazas, as inscricións pasarán por orde de chegada á lista de agarda.
Esta actividade enmárcase na plataforma Minería Sostible de Galicia, a través do programa de Patrimonio Mineiro (MInaTUR), en colaboración coa Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia. Conta co apoio do Concello de Valga.
Inscricións: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdFuAXoNzFukCEqbpsP4G8gu4zii5j4URqQ2YtJjlvv4gCCDw/viewform

ES
EN