- Celebrarase o vindeiro 6 de novembro no Auditorio Municipal a partir das 18:00 horas

Valga, 26 de outubro de 2026.
O Auditorio Municipal acollerá o vindeiro 6 de novembro unha xornada festiva e familiar para celebrar o Magosto, un espectáculo dos Bolechas e unha posterior degustación de castañas asadas, chourizos e outras sorpresas.
A xornada comezará ás 18:00 horas coa representación infantil “Os Bolechas. Aquí hai moito ruído!”. Trátase un espectáculo de monicreques especialmente dirixidos a nenos de entre 4 e 12 anos e ás súas familias. Nesta ocasión, os populares personaxes creados por Pepe Carreiro, descobren o fascinante mundo da música. Pero un misterioso personaxe, farto do ruído, decide facer desaparecer todos os sons. Un a un, os instrumentos, as voces e as cancións van quedando en silencio. Os Bolechas emprenderán unha divertida aventura para recuperalos e conseguir que a música volva soar.
Esta actividade está organizada no marco do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2026, promovido pola Secretaría Xeral da Lingua da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta.
Ao rematar a función, a festa continuará co apartado gastronómico. Todas as persoas que se acheguen ao Auditorio Municipal poderán degustar de balde castañas asadas e chourizos con pan para poñer o broche de ouro á celebración do outono.

ES
EN