Accessibility Tools

Todas

USUARIOS DA AULA CEMIT EXPLORAN A HISTORIA DE VALGA A TRAVÉS DA TECNOLOXÍA

- Practicaron a toma de fotografías, a lectura de códigos QR ou a busca a través de Google Lens

- Aproveitaron para coñecer os tesouros arqueolóxicos que agocha o museo e historia dos nosos persoeiros ilustres

CemitMuseo1

Valga, 14 de marzo de 2026.

A tecnoloxía e o patrimonio déronse a man na actividade que se desenvolveu esta mañá por iniciativa da Aula CeMIT e na que participaron case unha vintena de veciños "Da Aula CeMIT ao Museo" foi o nome do obradoiro, unha experiencia formativa e práctica na que trasladaron os seus coñecementos dixitais a un entorno real: o Museo da Historia de Valga.

O principal obxectivo deste taller foi perder o medo aos dispositivos móbiles e aprender a utilizalos como ferramentas útiles para explorar e interactuar coa contorna, indo máis alá do seu uso habitual para chamadas ou mensaxes. Durante a visita, os participantes puxeron a proba as súas habilidades dixitais mediante exercicios prácticos: uso da cámara e captura de fotografías, compartir en WhatsApp e outras redes sociais, lectura de códigos QR informativos e busca visual a través de Google Lens.

O propósito é que deixen de ver o móbil como un simple aparello para realizar chamadas ou enviar mensaxes e o descubran como unha ferramenta de aprendizaxe e para explorar o seu propio concello.

Dende os primeiros poboadores ata a actualidade

A maiores, os participantes tiveron a oportunidade de mergullarse na historia local, cun percorrido completo dende os primeiros poboadores ata a actualidade. Contemplaron verdadeiros tesouros arqueolóxicos; pezas únicas recuperadas dos xacementos Igrexa Vella, Mercado dos Mouros ou Agramar, ademais dun auténtico capitel de Setecoros.

Tamén coñeceron o patrimonio e riqueza natural do municipio, con expoñentes coma o río Ulla e as fervenzas.

E, por último, achegáronse á vida e obra de persoeiros ilustres de Valga, dende o historiador Xesús Ferro Couselo ata a universal Bella Otero, estrela da Belle Époque.

CemitMuseo2 CemitMuseo3