Accessibility Tools

Todas

PORTO PIÑEIRO AVANZA UN NOVO CHANZO: O PLENO APROBOU O PROXECTO PARA A DOTACIÓN DE EQUIPAMENTO

- Esta nova fase, valorada en máis de 875.000 euros, inclúe a construción dun edificio de usos múltiples e aseos, a instalación de xogos e mobiliario

- As obras avanzan a maior ritmo dende o comezo da primavera, coa praia e a senda perimetral moi adiantadas

ObrasPortoPiñeiro1

Valga, 25 de abril de 2026.

Porto Piñeiro xa pouco se parece ao que era fai tan só uns meses. Unha zona degradada pola actividade mineira está a converterse nun espazo de valor ambiental e social. As obras, que coa chegada da primavera avanzan a maior ritmo, xa deixan entrever algúns dos elementos singulares que farán deste un espazo de referencia en Valga e na súa contorna: a praia artificial, a piscina, as bancadas para o escenario flotante e as sendas peonís e ciclables. Dende que se iniciou a rexeneración lévanse investidos arredor de tres millóns de euros, financiados con fondos europeos Next Generation e aportacións da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra.

E o proxecto continúa avanzando, xa que este mesmo xoves aprobouse no Pleno unha nova fase para completar o equipamento da zona norte (a máis próxima á lagoa xemelga Mina Mercedes), cun orzamento de 875.017’24 euros que se financiará tamén con fondos provinciais (Plan Extra 2025 e Máis Provincia). Este novo chanzo inclúe a construción dun edificio modular para usos múltiples e aseos, a instalación de xogos infantís, tanto de terra como de auga, e a habilitación de máis zonas de tránsito. Tamén se completarán as redes de saneamento, abastecemento e alumeado público e colocarase equipamento ciclista e mobiliario urbano (mesas de pícnic, bancos e unha fonte).

O obxectivo é completar a transformación da antiga mina a ceo aberto nun espazo de grande calidade ambiental e social, convertendo o conxunto das lagoas de Valga nun referente dunha nova relación coa contorna e co medio natural.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez achegáronse a comprobar o estado das obras. Está moi avanzada a senda perimetral que bordea a lagoa, así como a instalación de varandas metálicas nalgúns puntos e de madeira noutras zonas. Tamén se colocou parte do alumeado, con farois de dobre báculo que proxectan luz cara a propia senda pero tamén cara as estradas adxacentes. O proceso de renaturalización está tamén en marcha, coa plantación de arborado tanto á beira da lámina de auga coma nos bordos exteriores.

ObrasPortoPiñeiro2 ObrasPortoPiñeiro3