· - O alcalde e as concelleiras Carmen Gómez e Malena Isorna inauguraron este mediodía a mostra colectiva
· - As obras, a maioría cadros pero tamén alguna tella, poden verse no Auditorio ata finais de mes
Valga, 19 de xuño de 2026.
O Auditorio Municipal acolle ata final de mes a exposición "Campus Sénior", unha mostra colectiva que reúne os traballos realizados polos participantes nas clases de pintura que o Concello organiza como parte da programación para o envellecemento activo.
Son unha vintena de obras, a maioría pintadas sobre lenzo, pero tamén poden verse outros soportes coma tellas. Todas elas desprenden o talento, a creatividade e a vitalidade dos seus autores: Severino Crespo "Cholo", Mª Elena Barreiro, Mª Asunción Buceta, Carmen García, Luz Divina Martínez, Isaura Tanoira, Lissette Ballesteros e Nadia Abdul Hakim.
Para todos eles, a pintura comezou como unha afección máis, pero con constancia e práctica conseguen obras que destacan polo seu nivel técnico e estético, reflectindo con as súas inquedanzas, gustos e intereses persoais.
O acto de inauguración contou coa presenza do alcalde, José María Bello Maneiro, que estivo acompañado polas concelleiras Carmen Gómez e Malena Isorna. Tamén participou a mestra deste obradoiro, Ángeles Garrido.
Durante a súa intervención, Bello Maneiro felicitou aos autores e animounos a seguir expresándose a través dos pinceis. Así mesmo, o rexedor aproveitou a ocasión para convidalos a manterse activos e participar no resto de actividades de envellecemento activo que promove o Concello, coma o obradoiro de memoria, as andainas ou o taller de autocoidado.
E como apunte final, o alcalde lanzou un reto aos artistas locais: animounos a presentar as súas propostas ao concurso artístico para elixir o cartel anunciador da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. O prazo para participar neste certame estará aberto ata o vindeiro 3 de agosto.
ES
EN