- Na categoría “Obra nova” tamén resultaron premiados Campaña e O Carballiño
- No apartado de “Mantemento” os outros dous galardóns recaeron en Beiro e Laxes

Valga, 31 de agosto de 2026.
Os lugares de Os Martores e Vilarello foron proclamados coma os máis fermosos do concello no concurso Embelecer Valga, nas dúas categorías establecidas polas bases: obra nova e mantemento.
A comisión veciñal dos Martores recuperou un parque infantil, restaurando algúns dos xogos para os cativos, colocando outros novos e incorporando unha mesa de pedra con bancos e elementos de xardinaría. O premio que lles corresponde é de 300 euros.

Nesta categoría, o segundo premio (200 euros) foi para o grupo de veciños que acondicionaron un almacén no campo da festa de Campaña, e o terceiro clasificado (100 euros) foi O Carballiño, polos traballos de acondicionamento e embelecemento dun terreo na zona do Quinteiro e creación dun espazo para xogar ao fútbol.

Tamén concorreu a esta modalidade o lugar de Ferreirós, con traballos de mellora dun talude na marxe dereita da estrada PO-190.
No referido á categoría de “Mantemento”, Vilarello foi o lugar máis valorado polo xurado, que lle outorgou os 500 euros do primeiro premio pola conservación do parque e da súa contorna, o local social e dous lavadoiros públicos. En segundo lugar (300 euros) clasificouse Beiro, onde os veciños realizaron actuacións no parque, no Agro de Arriba e no lavadoiro. O terceiro posto (200 euros) recaeu en Laxes polo acondicionamento do Pozo da Lameira, con traballos de mantemento do lavadoiro e o parque infantil incorporando especies vexetais e outros elementos decorativos.


A Medela, Avenida da Coruña, Balleas, Barcia, Barro, Belén Artesanal, Campaña, Canle, Carballiño, Cerneira, CODI, CRA, Eiras, Eirexe (Campaña), Escola Infantil, Ferreirós, Praza do Souto, Lavadoiro e parque de Raxoi, San Miguel e Vilar tamén participaron nesta categoría e recibirán 100 euros.
ES
EN