Accessibility Tools

Todas

O PONTELLÓN, A CHARCA E BAR PARDAL OFRECERON OS MELLORES PETISCOS DA RUTA “TAPA A ANGUÍA”

- A receita gañadora foi unha empanadilla polaca con recheo de anguía e un toque cajún explosivo

- Entre as persoas que participaron nas votacións sorteáronse dez vales de compra de 30 euros cada un

GañadoresTapa26

Valga, 31 de agosto de 2026.

O Café-Bar O Pontellón foi o gañador do Mandil de Ouro da décimo terceira edición da Ruta-Concurso “Tapa a Anguía” co seu petisco “Pierogi bomba”, unha empanadilla polaca con recheo de anguía e un toque cajún que se proclamou gañadora nas dúas votacións do certame: a popular e a do xurado profesional, polo que esta tapa poderá degustarse de novo na XXXVII edición da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, no vindeiro ano 2027.

Por votación popular entregáronse outros dous premios: os mandís de Prata e Bronce. O segundo clasificado foi “Anguía na charca”, do Restaurante-Parrillada A Charca, que ofreceu aos seus clientes unha cazolada de anguía con patacas panadeira, tomate, pemento, chícharos e colas de langostino. O terceiro posto recaeu no Bar Pardal e a súa “Fumareda do Ulla”, unha tapa de anguía afumada sobre tosta crocante, acompañada dun cremoso de aguacate e brotes verdes.  

Ademais dos tres gañadores, tamén participaron nesta iniciativa gastronómica outros dez establecementos de hostalería de Valga: Pastelería Caprichos, Bar Maneiro, Bar Potel, Bar Juan, Café-Pub Pirata, Café-Bar Couceiro, Café-Bar Xa Bou, Cafetería Auditorio, Casa Comparada e Bar Alba.  

O incremento de bares participantes foi parello á concorrencia de veciños e visitantes que, nas dúas últimas fins de semana de agosto acudiron a probar os diferentes petiscos, entre os que había preparacións tradicionais como anguía frita ou en empanada e tamén propostas de vangarda.

Entre todas as persoas que participaron na votación das mellores tapas sorteáronse dez vales de compra de 30 euros para gastar no comercio local, e os gañadores foron:

  • Lourdes Eiras Rodríguez
  • Juana García Roura
  • José Luis Gómez Hervés
  • Francisco Miguéns Soneira
  • Mari Castiñeiras
  • Begoña Velay Rey
  • Candela Rodríguez Devesa
  • María Jesús Ferreirós Rey
  • Juan Bautista Otero
  • María José Calvo Duro

O sorteo efectouse durante a precata do Concurso da Caña do País e os catadores exerceron de mans inocentes.

GañadoresVales26