Accessibility Tools

Todas

O DEPORTE ENTRA NAS ACTIVIDADES DE CONCILIACIÓN CUNHA DEMOSTRACIÓN DE KARATE A CARGO DO CLUB DE VALGA

- A xornada permitiu aos rapaces coñecer a historia e curiosidades desta arte marcial e tamén practicala

- Aprenderon a realizar o saúdo inicial, diferentes posturas e golpes

ConciliaciónKarate1

Valga, 21 de xullo de 2026.

O programa de conciliación organizado polo Concello para os meses de xullo e agosto viviu esta mañá unha xornada dedicada ao deporte. Os participantes, a partir dos 3 anos de idade, participaron nun obradoiro de aproximación ao karate que contou coa mestría de varios integrantes do Club Karate Valga.

Aínda que a sesión tivo un carácter eminentemente práctico, a actividade comezou cunha introdución teórica na que os rapaces puideron descubrir a historia e os fundamentos desta arte marcial de orixe xaponesa. Entre as peculiaridades que se explicaron, destacou o propio significado do termo: "Karate" significa "man baleira", xa que se trata duna disciplina desarmada que se practica empregando patadas, golpes e diversos bloqueos defensivos cos brazos e as pernas.

As monitoras explicaron aos pequenos a razón dos característicos berros que emiten os karatekas (kiai). Utilízanse para liberar enerxía xusto no momento de impactar un golpe ou executar un bloqueo defensivo.

Da teoría á acción: saúdos, posicións e patadas

Despois desta introdución, chegou o momento máis agardado por todos: a parte práctica. Coa guía das representantes do club local, os pequenos aprenderon o respecto e o protocolo básico iniciando a sesión co saúdo tradicional.

A partir de aí, a pista encheuse de movemento mentres os participantes poñían a proba o seu equilibrio e coordinación practicando as distintas posicións básicas e patadas de karate.

Nesta segunda quenda das actividades de conciliación, que arrancou a pasada semana e chegará ata finais de mes, están a participar un total de 92 inscritos, despois do prazo extraordinario de matrícula aberto fai uns días para cubrir prazas vacantes.

ConciliaciónKarate2 ConciliaciónKarate3