Accessibility Tools

Todas

O CONCURSO “EMBELECER VALGA” MOBILIZA AOS VECIÑOS PARA ACONDICIONAR ESPAZOS PÚBLICOS

- O xurado percorreu na fin de semana a trintena de lugares que se inscribiron no certame

- Os gañadores daranse a coñecer o vindeiro sábado durante a XXXVI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País

XuradoEmbelecer

Valga,  23 de agosto de 2026.

O xurado percorreu esta fin de semana os lugares que concorreron ao concurso “Embelecer Valga”, que premia os parques, prazas e espazos máis fermosos engalanados e acondicionados polos veciños con materiais aportados polo Concello. Este certame é convocado anualmente co obxectivo de 𝙞𝙢𝙥𝙡𝙞𝙘𝙖𝙧 𝙖́ 𝙘𝙞𝙙𝙖𝙙𝙖𝙣𝙞́𝙖 𝙣𝙤 𝙘𝙤𝙞𝙙𝙖𝙙𝙤 𝙙𝙤𝙨 𝙡𝙪𝙜𝙖𝙧𝙚𝙨 𝙥𝙪́𝙗𝙡𝙞𝙘𝙤𝙨, acometendo proxectos de mellora e accións de limpeza, dotación de equipamentos ou ornamentación.

O certame distingue entre dúas categorías. A primeira, obras novas que supuxeron a creación dun novo espazo ou a rehabilitación dalgún ben ou zona que se atopaba abandonada e que precisaba dunha actuación maior para a súa conservación ou restauración. E, por outra, a categoría de mantemento para lugares que xa dispoñían de construcións feitas, tales como parques, centros sociais ou culturais, xardíns acondicionados ou estruturas rehabilitadas, co obxectivo de garantir a súa conservación a través de obras menores e traballos de limpeza, xardinaría ou ornamentación.

As actuacións levadas a cabo foron as seguintes:

Modalidade “Obra nova”:

  • Martores: Arranxo do parque do lugar
  • Ferreirós: Acondicionamento do talude da marxe dereita da estrada PO-190
  • Campaña: Remate do local social
  • Carballiño: Axardinamento do Quinteiro e creación de zona deportiva

Modalidade “Mantemento”:

  • A Medela: Mantemento da fonte
  • Avenida da Coruña: Actuacions no parque
  • Balleas: Ornamentación e melloras no lavadoiro e no parque
  • Barcia: Traballos de conservación no parque
  • Barro: Acondicionamento do parque
  • Beiro: Actuacións no lavadoiro, parque a agro de arribal
  • Belén Artesanal: Traballos na zona exterior do local
  • Campaña: Melloras no campo da festa
  • Canle: Mantemento do parque
  • Carballiño: Acondicionamento do parque do Quinteiro
  • Cerneira: Mantemento do parque
  • CODI: Actuacións de mantemento na contorna do centro
  • CRA de Valga: traballos nas diferentes escolas rutais
  • Eiras: Reparacións no lavadoiro
  • Eirexe (Campaña): Acondicionamento da contorna da igrexa
  • Escola Infantil: Melloras no centro
  • Ferreirós: Acondicionamento do parque
  • Laxes: Conservación do pozo da Lameira e axardinamento
  • Praza do Souto: Acondicionamento da zona
  • Raxoi – Lavadoiro: Tarefas de conservación e embelecemento
  • Raxoi - Parque: Mantemento da arrea de xogos infantil
  • San Miguel: Acondicionamento da fonte
  • Vilarello: Traballos na casa veciñal, parque, marquesiña e lavadoiros
  • Vilar: Mantemento do parque

Membros das diferentes comisións participantes foron os encargados de valorar as obras de nova factura, mentres que na categoría de mantemento o xurado estivo formado por representantes do Concello. Nos dous casos valoráronse aspectos como adecuación final á memoria presentada, a orixinalidade e a creatividade nos deseños e elementos decorativos, o aproveitamento dos recursos e materiais da zona, a conservación e deseño de espazos verdes coma xardíns e áreas recreativas, a recuperación de elementos existentes no lugar e o fomento da cultura e da tradición locais.

O proxecto mellor valorado na categoría de “Mantemento” será gratificado con 500 euros, o segundo levará 300 euros e o terceiro, 200 euros. Na modalidade de “Obra nova” os premios serán de 300, 200 e 100 euros. O resto de comisións participantes recibirán 100 euros.

Os gañadores daranse a coñecer o día 29 de agosto durante a celebración da XXXVI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

Embelecer1 Embelecer2