Accessibility Tools

Todas

O CONCELLO SACA A CONCURSO POR MÁIS DE 1’4 MILLÓNS A MELLORA DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS

- Actuarase no recinto de Campaña, no campo de fútbol de Baño e no pavillón de Beiro

- As obras fináncianse cunha aportación da Consellería de Presidencia e cun préstamo do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Xunta

InstalaciónsDeportivasCampaña

Valga, 4 de abril de 2026.

O Concello de Valga licitou o proxecto de mellora das instalacións deportivas municipais, que inclúe obras por valor de 1’4 millóns de euros nos campos de fútbol de Campaña e de Baño e no pavillón polideportivo de Beiro.

Nas instalacións deportivas de campaña substituirase a herba sintética do campo máis antigo, colocando un novo céspede artificial que seguirá os estándares FIFA Quality Pro, que está indicado para un uso intensivo e que garante rendemento de alta duración. Prescindirase completamente do caucho, adiantándose así o Concello á prohibición do uso deste material, que entrará en vigor en 2031 co obxectivo de reducir a contaminación por microplásticos. Ademais, tamén se acometerán reparacións nas bancadas.

No recinto do campo de herba natural de Baño as actuacións proxectadas van dende melloras nas bancadas, reforma dos locais situados baixo estas, outras obras interiores e o sistema de rego.

Por último, no pavillón de Beiro remataranse o acondicionamento da envolvente, pecharase a galería existente tralas bancadas e melloraranse a climatización, o sistema contraincendios e outro equipamento.

Este proxecto financiarase cunha subvención de 700.000 euros da Xunta de Galicia, concedida a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Para a outra metade do orzamento asinouse un convenio co Instituto Galego de Vivenda e Solo que permite ao Concello acceder ao Fondo de Cooperación para o apoio ao financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.

O prazo para que as empresas presenten as súas ofertas remata o día 20 de abril.