Accessibility Tools

Todas

O CONCELLO REFORZA A SEGURIDADE NA CONTORNA DO CEIP BAÑO-XANZA COA CONSTRUCIÓN DUNHA RAMPLA DE ACCESO

- O goberno local atende, así, a unha demanda dos usuarios do Plan Madruga, para evitar a interacción entre cativos e vehículos na entrada principal

- A nova infraestrutura beneficiará, en xeral, a toda a comunidade escolar

RamplaBaño1

Valga, 18 de setembro de 2026.

O colexio Baño-Xanza contará cunha nova rampla de acceso peonil que o Concello está a habilitar no lateral máis próximo ao edificio de Educación Infantil e que ten como obxectivo prioritario reforzar a seguridade do alumnado do Plan Madruga, se ben toda a comunidade educativa se verá beneficiada.

Esta actuación responde a unha demanda directa das familias usuarias do Plan Madruga, para garantir unha entrada máis segura e áxil aos nenos que empregan este servizo.

O Plan Madruga desenvolvese diariamente nas instalacións do CODI co obxectivo de favorecer a conciliación da vida laboral e familiar. Unha vez rematadas as actividades previas ao horario lectivo, o alumnado desprázase a pé ata o recinto escolar, situado a pouca distancia.

Con esta nova infraestrutura trátase de evitar que este grupo de alumnos accedan ao colexio pola entrada principal, un punto no que xusto antes das clases, se produce unha elevada concentración de vehículos particulares e de transporte escolar.

Con esta solución mellórase a seguridade, ao eliminar a interacción do menores co trafico; redúcese o traxecto, ao contar cun itinerario máis directo e rápido entre o CODI e o colexio; e axilízase a circulación, reducindo a mobilidade peonil nas zonas de aparcadoiro e acceso de autobuses.

Ramplabaño2 RamplaBaño3